Educación e sensibilización medioambiental
Concello de Ribadeo
Educación e sensibilización medioambiental
O Concello de Ribadeo ten un forte compromiso coa educación e sensibilización ambiental, feito polo cal son múltiples as actividades desenvoltas neste senso ao longo do ano pola Área de Medio Ambiente en colaboración con outros departamentos municipais como poden ser Turismo ou Desenvolvemento Local e outras entidades externas, tanto públicas como privadas.
Dentro destas actividades compre destacar as seguintes:
- Compostaxe doméstica: en colaboración con SOGAMA, consistente nunha charla formativa sobre a compostaxe, na que se fai entrega dun manual e dun composteiro e posteriormente se fai seguimento do seu bo uso.
- Campañas de reciclaxe: dirixidas tanto á poboación en xeral como aos centros educativos locais e consistentes en visitas a SOGAMA, xornadas, charlas, talleres, aulas móbiles…
- Limpeza de ríos e praias: organizadas tanto con voluntariado como cos centros educativos locais.
- Apicultura e loita conta a vespa velutina: en colaboración coa Asociación Cultural Apícola Os Abelleiros, consistente en cursos, xornadas, charlas e talleres co fin de fomentar a apicultura e loitar contra a vespa velutina.
- Astronomía: a través do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela e coa financiación da FECYT lévanse a cabo estas actividades de divulgación científica consistentes en cursos, talleres de telescopios e reloxos de sol, xornadas escolares, observacións telescópicas e a simple vista, así como visitas guiadas ao observatorio de Ribadeo na Casa da Ría no Monte de Santa Cruz.
- Día dos humidais: dada a gran riqueza ecolóxica da ría de Ribadeo, tódolos anos se celebra o día dos humidais, coa inefable colaboración de Enrique Sampedro (blog Ría de Ribadeo) e Óscar Chao (pax. Facebook Aves e Natureza de Ribadeo), consistente en saídas ornitolóxicas pola ría para observar aves e en charlas e talleres nesta materia.
- Ribadeo Birding: proxecto de turismo ornitolóxico orientado á promoción de toda a riqueza natural que a ría de Ribadeo pode ofrecer ao visitante, baseándose na potencialidade natural da zona, así como na gran variedade de actividades e servizos complementarios.
A implantación de Ribadeo Birding leva aparellado dúas iniciativas:
• Un portal web, http://birding.ribadeo.org/, no que o visitante pode encontrar non só información ornitolóxica se non tamén o aloxamento que máis se adapte as súas necesidades, a gastronomía local, así como o conxunto de actividades de ocio que Ribadeo ofrece.
• Un folleto turístico dedicado á Ría de Ribadeo e as súas aves, e que serve aos visitantes para coñecer mellor e gozar do humidal. - Entre arcos e cantís: Este proxecto, no que colaboran os Concellos de Cedeira, Burela e Ribadeo, inclúe as seguintes actividades:
• Actividade 1.- Xeorutas interpretadas pola nosa costa.
• Actividade 2.- Componse de dous apartados, o primeiro consiste en un mapeo e inventario de patrimonio e recursos e guía xeolóxica da zona, mentres que o segundo baséase na creación de 9 itinerarios xeolóxicos interpretados, 3 por cada Concello, debendo, como mínimo, un deles dirixirse aos máis pequenos.
• Actividade 3.- Creación dunha plataforma turística web e aplicación móbil que recolla os recursos turísticos integrais dos Concellos participantes.
• Actividade 4.- Accións de formación dirixidas á cidadanía e ao sector turístico. Actividade 5.- Establecemento de programas de formación e educación medio ambiental
• Actividade 6.- Promoción e comunicacións (material publicitario, folletos, eventos, redes sociais …)
• Actividade 7.- Establecemento do programa TERRA VIVA (xeorutas cunha visión máis ampla ás que inician este proxecto). - Día da Árbore: tódolos anos celébrase este día conxuntamente co colexio público de Ribadeo, plantando distintas especies autóctonas tanto no propio colexio como no entorno da ría de Ribadeo. Tamén se ten feito entrega de especies autóctonas ás asociacións de veciños para plantar en espazos públicos.
Residuos
Concello de Ribadeo
Residuos
O Concello de Ribadeo realiza unha recollida selectiva dos residuos en colaboración coa súa cidadanía, xa que este sistema require dun importante grao de concienciación e colaboración por parte de todos/as os/as ribadenses.
Segundo a súa clase, os residuos deben separarse e depositarse nos seguintes colectores:
Colector xenérico (normalmente de cor verde escura): Nel deposítanse todos aqueles materiais que non é posible recoller de forma selectiva para o seu reciclaxe, como por exemplo restos de comida, papeis impregnados de graxa, cerámica, plástico que non sexa envase…
Colector amarelo:Nel pódense depositar envases lixeiros tales como:
- Envases de Plástico: de auga, de aceite, vinagre, iogures, de produtos de limpeza, bandexas brancas de alimentos, tarros plásticos de queixos, bolsas de plástico…
- Metal: latas de bebidas, de conservas, tubos de pasta de dentes, esprais de cosmética (lacas, espumas…), papel de aluminio, tapas metálicas dos frascos.
- Envases tipo brick: de leite, zume, caldos, tomate, viño…
- Bolsas e envoltorios de plástico e aluminio: os de alimentos, as bolsas de plástico das tendas, o plástico transparente que acompaña ás bandexas de carne, froita, ou que envolve revistas, xornais…
Convén que todos os residuos que vaian a este colector se baleiren primeiro de líquidos e restos de comida e, sempre que sexa posible, se trate de reducir o seu volume.
Colector azul: este é o colector do papel e o cartón: para xornais; revistas; cadernos (sen espirais); sobres (sen as ventás plásticas); papel de agasallos, oveiras de cartón, envoltorios de azucre, bolsas de papel; caixas de zapatos, galletas, cereais, tabaco… É recomendable pregar os papeis e cartóns antes de introducilos nel e reutilizar as bolsas de papel para gardar e transportar todos estes residuos ao colector.
Destacar que existe un servizo de recollida porta a porta do cartón comercial os martes e xoves pola tarde co fin de non saturar este tipo de contedores. A solicitude de recollida pode facerse no seguinte número de teléfono: 647 86 92 68.
Iglú verde: este é o colector do vidro, para depositar botellas de auga, viño, licores, cervexa…; tarros de marmelada, olivas, mel…; frascos de hortalizas, cosmética; perfumería… En ningún caso se deben tirar nel as tapas ou chapas das botellas e os tarros, lámpadas, espellos, vasos, copas, pratos, obxectos de louza ou cerámica, cristais de ventás…
Punto Limpo:
Os puntos limpos son instalacións cun equipamento axeitado para a recepción, separación selectiva e almacenamento temporal de residuos de orixe doméstica de especiais características.
O obxectivo fundamental destas instalacións consiste en poñer a disposición dos cidadáns un espazo para a achega voluntaria de residuos que non poden ser xestionados polos servizos convencionais da recollida de lixo, polo seu tamaño (residuos voluminosos) ou a súa composición (residuos perigosos).
No punto limpo sepáranse os distintos residuos segundo a súa tipoloxía, facilitando o seu tratamento e valorización posterior. Así, evítase que o seu destino final sexan os vertedoiros, a rede de sumidoiros pública ou calquera outro punto de vertido incontrolado, favorecendo a protección e mellora do medio ambiente.
Os datos do punto limpo de Ribadeo son os seguintes:
Situado no Lugar de O Valín – Ove (43.517890, -7.067864)
Teléfono: 664 00 09 32
Xestionado por: ASCAN SERVICIOS URBANOS, S.L.
Na páxina web do SIRGa (Sistema de Información de Residuos de Galicia) da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dispón de máis información sobre o funcionamento dos puntos limpos.
Outros residuos
Pilas: poden ser entregadas nos puntos de compra, no punto limpo municipal, depositadas nos paneis informativos con utilidade medio ambiental existentes nas rúas San Roque, San Francisco e Ramón González ou nos distintos contedores existentes en edificios municipais como a Casa do Concello, Auditorio, Casa da Xuventude….
Obxectos metálicos e/ou de madeira: o Concello de Ribadeo ten implantado un servizo de recollida porta a porta de enseres, previa solicitude na Casa do Concello, segundo o trámite indicado na columna da dereita. O primeiro martes de cada mes recóllense metálicos e o último martes madeira e outros materiais. Por outra banda, este tipo de residuos pode ser entregado directamente no punto limpo por parte dos veciños.
Aceites de de cociña: pódense depositar en botellas de plástico pechadas nos seguintes contedores específicos ou levar ao punto limpo:
- Avenida de Rosalía de Castro.
- Praza de abastos (2 contedores).
- Avenida de Rafael Fernández Cardoso.
- Rúa Clemente Martínez Pasarón.
- Zona comercial de Vilar.
- Vilaframil.
- Rinlo.
Plásticos agrícolas (silos e invernadoiros): o Concello ten establecido un servizo de recollida porta a porta dúas veces ao ano, nos meses de marzo e setembro, debendo solicitarse a recollida anticipadamente á Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo.
Roupa usada: o Concello de Ribadeo conta cos seguintes contedores específicos para o depósito de roupa usada:
- Avenida de Luarca.
- Avenida de Rosalía de Castro.
- Rua Clemente Martínez Pasarón.
- Aparcamiento Municipal de Ribadeo.
- Zona comercial de Vilar.
- Vilaframil.
- Rinlo.
Paneis informativos con utilidade medio ambiental: neste tipo de paneis situados nas rúas San Roque, San Francisco e Ramón González pódense depositar residuos de pilas, lámpadas, CDs e tóner.
Medicamentos: os envases baleiros ou con restos de medicamentos, así como os medicamentos caducados, requiren dunha recollida específica, polo que non se deben depositar no lixo nin mesturar con outros residuos. Deben deixarse pola contra nos colectores que se atopan nas farmacias adheridas ao sistema de recollida selectiva SIGRE. Todo o que precisas saber para eliminar estes residuos correctamente podes atopalo aquí.
Trámites
Recollida de cartón comercial
O Concello de Ribadeo dispón dun servizo de recollida porta a porta de cartón comercial co fin de non saturar os contedores destinados a este tipo de residuo.
Datas de recollida:
Os martes e xoves polas tardes.
Requisitos:
As persoas que solicitasen este servizo deben depositar o cartón na vía pública a primeira hora da tarde dos días de recollida, debidamente pregado e sen supoñer un obstáculo.
Lugar de solicitude:
Este servizo solicitarase a través do número de teléfono 664 000 932.
Instalación dun colector de lixo
Aquí atoparás a solicitude que debes entregar no Concello de Ribadeo para que se instale un colector da recollida de lixo no lugar que sinales.
Recollida de materiais e obxectos vellos
O Concello de Ribadeo dispón dun servizo de recollida de materiais e obxectos vellos a domicilio que se debe solicitar con antelación.
Requisitos:
As persoas que solicitasen este servizo no Concello deben depositar os enseres o día que lle corresponda antes das 9:00 horas da mañá, colocandoos correctamente e sen atrancar a rúa ou a beirarrúa.
Lugar de solicitude:
A solicitude, debidamente cuberta, debe entregarse nas Oficinas Municipais (en horario de 9:00 a 14:00 horas) antes das 14:00 horas do venres anterior ao día da recollida. Os primeiros martes de mes recolleranse os productos metálicos e os últimos marts os de madeira.
Recollida de residuos agrarios
O Concello de Ribadeo dispón dun servizo de recollida de plásticos usados procedentes de silos e invernadoiros.
Datas de recollida:
As recollidas ordinarias establécense nos meses de marzo e setembro, sen prexuízo de que se podan acometer recollidas extraordinarias.
Requisitos:
As persoas que solicitasen este servizo deben ter dispostos os residuos a mañá do día que se indique que comeza o servizo, colocándoos correctamente dobrados e sen ningún outro tipo de residuos, sen obstaculizar a rúa ou a beirarrúa.
Lugar de solicitude:
A solicitude deberá trasladarse ao Punto Limpo Municipal situado en O Valín (Ove), ben de xeito presencial ou a través do teléfono 664 000 932, sempre antes do venres anterior á semana na que comece a recollida á cal se dará difusión.
Documentos relacionados
Axenda 21
Concello de Ribadeo
Axenda 21
A Axenda 21 Local pódese definir como unha metodoloxía de diagnose ambiental, social e económica para definir as actuacións que logren un desenvolvemento sostible implicando a participación dos cidadáns.
O Concello de Ribadeo asinou a Carta de Aalborg o 22 de maio de 2002, adheríndose así á Campaña Europea das Cidades e Poboacións Sostibles e comprometéndose á elaboración dunha Axenda 21 Local para o seu ámbito territorial.
A sinatura desta carta implica o compromiso de elaboración da súa Axenda 21 cos seguintes principios básicos:
Conservar a calidade do aire, da auga e do solo de maneira que permitan soster a vida humana e o seu benestar á vez que a vida dos animais e vexetais
Minimizar as emisións de contaminantes ao aire, auga e solo de forma que non se exceda a capacidade natural destes para absorbelos e procesalos
Manter a diversidade biolóxica (número de especies e abundancia de especies animais e vexetais)
Diminuír o ritmo de consumo dos recursos non renovables, así como axustar o consumo dos renovables de xeito que permita a súa renovación
Mellorar as condicións do ámbito urbano e garantir as funcións sociais e económicas da cidade
Promover a igualdade e a xustiza social
Tras un primeiro intento que non tivo continuidade, no ano 2010 co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia o Concello de Ribadeo volve a intentar acometer o desenvolvemento da Axenda 21 Local.
Ao longo do ano 2011 a empresa consultora SIGNO desenvolveu o Informe de Diagnóstico e fixo unha proposta de Plan de Acción, que con algunhas modificacións foi aprobado polo Comité de Xestión en outubro do mesmo ano. A composición do Comité está aberta a quen queira entrar nel para colaborar no deseño do desenvolvemento sostible do noso concello.
Na actualidade estamos a traballar na definición da mecánica de funcionamento do devandito Comité, que será o encargado de facer a priorización posta en marcha e seguimento das numerosas medidas contidas no Plan de Acción.
Documentación relacionada
Praias
Concello de Ribadeo
Praias
O Concello de Ribadeo, consciente do valor turístico e medioambiental que posúe a súa costa, desenvolve unha labor de mellora dos servizos e instalacións das súas praias e de recuperación ambiental dos seus espazos naturais. En paralelo, leva a cabo todas as xestións necesarias para conservar as distincións que avalan a calidade dos seus areais, tanto a nivel nacional como internacional.
A praia de As Catedrais, emblema turístico de Ribadeo, é o recurso turístico por antonomasia do concello e, como tal, pedra angular da súa promoción. Arredor dela, foise creando unha imaxe de marca para a que o Concello de Ribadeo non escatimou esforzos á hora de realizar actuacións que permitan mellorar a súa calidade e servizos (limpeza, acceso, aparcamentos, etc…).
Así mesmo, ano tras ano téntase que esta calidade sexa recoñecida e que os areais ribadenses poidan sumar o maior número posible de distincións.
Neste punto compre situar a concesión da Bandeira Azul para as praias de As Catedrais e Os Castros-Illas que concede cada ano a FEE (Fundación para a Educación Ambiental), cuxa rama en España é ADEAC (Asociación De Educación Ambiental e do Consumidor)
Podes obter máis información sobre estes recoñecementos abaixo.
Documentación relacionada
Medio ambiente
Concello de Ribadeo
Medio ambiente
O Concello de Ribadeo marcou como liña prioritaria do seu traballo a protección, conservación e rexeneración do seu medio natural, posuidor dunha biodiversidade que o fixo merecedor de múltiples recoñecementos internacionais (Rede Natura 2000, ZEC, ZEPA, Reserva da biosfera…).
Preservar estes ecosistemas, tratando de mellorar as súas condicións naturais e os seus servizos, é unha das nosas maiores preocupacións, xunto coa de loitar por novos recoñecementos que avalen a calidade das nosas praias, ribeiras, montes…
Á marxe de todas as actuacións coas que pretendemos conseguir un Ribadeo máis limpo e sustentable (recuperar espazos degradados como o tramo Vilavella-As Aceas, mellorar o saneamento no rural, o tratamento dos residuos, o entorno da praia de As Catedrais…), a implicación dos cidadáns e cidadás preséntase tamén como algo imprescindible.
É por iso que ás campañas de información e sensibilización, xornadas educativas e outros recursos que fomos poñendo en marcha ata o de agora poñemos tamén á túa disposición este espazo web. Nel poderás coñecer as actuacións e os recursos máis importantes que desenvolvemos desde a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo para enriquecer e proxectar noso patrimonio natural e mellorar a nosa calidade de vida.
Se desexas obter máis información da dispoñible neste espazo ou para calquera tipo de aclaración podes contactar coa Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo a través do número de teléfono 982 120 701 ou do correo electrónico medioambiente(arroba)ribadeo.gal
Declaracións institucionais
Casa da Cultura
Concello de Ribadeo
Casa da Cultura
A programación cultural de Ribadeo caracterízase pola estabilidade e a calidade das propostas. Por darlle un sitio ao produto cultural local e por antender variedade de públicos, espazos e ámbitos.
Así, todas as fins de semana, se pode gozar cando menos dunha proposta de lecer arredor da cultura.
O deseño nútrese fundamentalmente de teatro e música mais tamén de artes plásticas, danza, , exposicións, audiovisual, presentación de libros, actividades de divulgación, etc.
A pertenza á Rede Galega de Teatros e Auditorios fornece moitas das propostas profesionais , porén, quérese darlle visibilidade ás que proveñen do ámbito amador, nomeadamente das asociacións culturais municipais, algunhas de moito peso no tecido social como son a Banda Municipal de Música de Ribadeo, a Coral Polifónica de Ribadeo, Amigos da Gaita, Agrupación Francisco Lanza, etc.
Ao mesmo tempo lévanse ás parroquias do rural espectáculos de pequeño formato como os pertencentes ao ciclo Músicas Comunais nas Parroquias.
Temos pois unha programación que ten a cultura galega como protagonista e que se enriquece con propostas foráneas de diversos ámbitos, algo do que é exemplo á adscrición ao programa do Ministerio de Cultura Platea.
Biblioteca
Concello de Ribadeo
Biblioteca
A Biblioteca Municipal de Ribadeo, de nome Biblioteca El Viejo Pancho, está situada no lugar coñecido como O Patín (na rúa Antonio Otero, 17) e consta de dous andares.
No andar baixo está a sala de lectura xeral (con 20 postos para nenos e nenas e 40 para persoas adultas), o fondo local, a hemeroteca, o depósito infantil e xuvenil e unha sala para os máis pequenos, o recanto dos contos ( onde poden gozar dun espazo especialmente dedicado para eles e sempre acompañados dalgunha persoa adulta).
No primeiro andar está a sala Dionisio Gamallo Fierros, a sala iberoamericana o fondo antigo e o depósito xeral.
A Historia
A Biblioteca ‘El viejo Pancho’ é unha das principais institucións culturais da vila e tomou o seu nome actual (pseudónimo do escritor local José María Alonso Trelles y Jarén) en 1957, cando se refundiu e ampliou a que existía dende 1941 e cuxa orixe estaba na unión dos fondos das bibliotecas creadas por vellas sociedades culturais ribadenses, como a do Ateneo, de 1915, ou a Biblioteca Popular Circulante, de 1927.
Na creación e no coidado de todas estas bibliotecas participaran no seu momento destacados intelectuais, como os fundadores do Ateneo (Manuel Margolles Déspora, Francisco Lanza Álvarez, Camilo Cancio Quindós e Amancio Pérez Martínez) ou os que lle deran vida á Biblioteca Popular Circulante (Gregorio Sanz García, Amando Suárez Couto e Camilo Barcia Trelles). Entre os artífices da refundación de 1957 estaban Dionisio Gamallo Fierros, Justo Barreiro Martínez, Amando Suárez Couto, Daniel Cortezón Álvarez e Domingo Rodríguez Fernández.
A biblioteca municipal pasou por diferentes locais no período no que aínda non tiña o carácter de centro oficial do Concello. Despois da Guerra Civil ocupara o vello local do Ateneo na rúa San Francisco, deseguido os baixos do Pazo de Ibáñez e, en 1957, instalouse na Torre dos Moreno para pasar, en 1996, ao seu actual emprazamento na rúa Antonio Otero no edificio do Patín onde estivo situada a antiga escola de náutica e unha academia de ensino medio.
Os fondos
A Biblioteca municipal consta na actualidade cuns 60000 volumes. Destes volumes, incluídos os das doazóns de Daniel Cortezón e de Dionisio Gamallo, se poden consultar no catálogo en liña da Rede de Bibliotecas de Galicia, na seguinte ligazón:
https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal
O fondo Dionisio Gamallo Fierros está situado no primeiro andar da Biblioteca Municipal. Pódese consultar a través do Catálogo Meiga das Bibliotecas Públicas Municipais de Galicia.
O fondo Daniel Cortezón atópase na Casa El Viejo Pancho, onde están situados os servizos da Concellaría de Cultura.
Os fondos catalogados poden consultarse na web da rede de Bibliotecas de Galicia.
A Hemeroteca
Ribadeo é un dos municipios máis relevantes de Galiza no que a produción xornalística respecta, un feito que se reflicte na riqueza dos fondos que contén a hemeroteca municipal. Nela, reúnense publicacións locais de carácter periódico entre as que merecen especial mención, polo número de exemplares conservados, os semanarios Las Riberas del Eo, La Comarca e a súa continuación La Comarca del Eo. Destes, podería dicirse que se conservan practicamente as coleccións completas desde o ano 1957 ao tempo que, nos últimos meses e grazas á colaboración veciñal, aumentou o número de orixinais ou copias de exemplares doutros anos.
Outras publicacións que se poden consultar, aínda que xa en menor número, son El Ribadense, Bandera Católica, El Eo, El Radical del Eo ou El Pequeño Escolar. Tamén é posible atopar nela programas das festas patronais, desde os máis antigos aos máis recentes ou coleccións xa completas de xornais e revistas como Beiramar, Novo Amencer, Orballo, KM0, Xerfa e os suplementos de El Progreso e La Voz de Galicia dedicados á Mariña.
Documentación relacionada
Prevención de drogodependencias
Concello de Ribadeo
Prevención de drogodependencias
O fenómeno do consumo de drogas variou nos últimos anos, incorpóranse novas substancias, aumenta o consumo de substancias legais, diminúe a idade de inicio na súa utilización… Todo isto fai que a prevención destaque como unha ferramenta fundamental para evitar ou atrasar o seu consumo.
O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias do Concello de Ribadeo comezou a funcionar en 1996 e está atendido nestes momentos por unha profesional da psicoloxía que traballa en diferentes ámbitos de prevención (escolar, familiar…). Neles, fóronse poñendo en marcha numerosos programas, deseñados con base en modelos de prevención psicosocial e sociocultural, cuxos obxectivos máis importantes son:
Educar ás persoas para que sexan capaces de manter relacións responsables coas drogas.
Atrasar a idade de inicio de consumo
Modificar aquelas condicións do contorno sociocultural que favorezan a aprendizaxe do comportamento do uso de drogas
Intervir nas causas do malestar individual, ben modificando aquilo que o produce, ben axudando ao suxeito a superalo
Estes son algúns dos programas máis relevantes que ten levado a cabo o Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias:
Cinensino
Programa de prevención do consumo de drogas dirixido a mozos/as de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria a través do cine. Ao longo do curso os rapaces ven 3 longametraxes que se proxectan no Cine Teatro acompañados polos seus titores e por responsables municipais do programa. Logo de cada proxección, os alumnos traballan na aula unha Unidade Didáctica sobre a película que se envía a finais de curso a ESTINGA S.A., organizadores do programa. Entre os obxectivos deste programa están os de atrasar a idade de inicio do consumo de drogas entre o alumnado; potenciar a súa capacidade de decisión, autonomía persoal e autocoñecemento; potenciar o profesor como figura de prevención.
Programa de prevención de consumo de drogas na escola
A través dunha serie de materiais didácticos os titores traballan cos/as alumnos/as de 3 a 18 anos na prevención do consumo de drogas. Cada alumno/a de Educación Primaria ten un caderno axeitado á súa idade co que aprende mediante fichas unha serie de valores de prevención de drogodependencias e educación para a saúde. Os obxectivos deste programa son, fundamentalmente, diminuír os consumos de tabaco, alcol e hachís nos mozos/as e modificar as súas actitudes de cara ás drogas, mellorando a súa resistencia á presión de determinados grupos e axudándoo a facer unha utilización positiva do seu tempo libre.
Komikea
Baixo este título editouse unha revista de banda deseñada con fins preventivos, realizada polos propios mozos e mozas dos últimos cursos de ESO e de Bacharelato. Trátase de varios comics debuxados e deseñados por eles mesmos que posteriormente foron publicados como revista e repartidos entre todos/as os/as mozos/as de 15 anos ou mais. Esta revista elaborouse grazas á colaboración dos centros de ensino, que permitiron a formación dos rapaces tanto en prevención de drogodependencias como en elaboración de cómics dentro do horario escolar. No vindeiro curso 2008-2009 realizarase unha segunda edición.
Intervención socioeducativa na aula para ESO e EPO
O Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias pon en marcha tamén programas de intervención na aula dirixidos a alumnos de 5º e 6º de EPO e de ESO. A intervención en EPO consta de 5 obradoiros:
Conceptos básicos en drogodependecias
O alcohol. Desterrando mitos
Obradoiro sobre autoestima
Obradoiro sobre presión de grupo e aprender a dicir non
Obradoiro sobre publicidade do alcohol e o tabaco
A intervención en ESO e/ou Bach consta de 2 obradoiros:
Obradoiro sobre alcohol
Obradoiro sobre cannabis
Os obxectivos destes programas son informar e formar ao alumnado sobre drogas legais e ilegais; axudarlle a desenvolver estratexias para saber resistir a presión do grupo e fomentar o espírito crítico con respecto da publicidade das drogas legais.
Programa Radares
Os radares son alumnos/as elixidos/as entre voluntarios/as para representar ao colectivo escolar e servir de enlace entre os mozos e mozas e o propio Concello, de maneira que estes/as poidan expor as súas suxestións aos responsables municipais. Deste xeito, poderemos organizar aquelas actividades que máis lles interesen. Este programa foi realizado en colaboración coa Oficina de Información Xuvenil, e realizouse por primeira vez durante o curso 2007-2008. Elixíronse en cada centro 2 radares, un para ESO e outro para Bacharelato, coa excepción do CIFP Porta da Auga, no que se elixiu un único radar para toda a Formación Profesional.
As funcións dos radar foron as de atender un taboleiro e un punto informativo, reunirse semanalmente cos responsables municipais, recoller as demandas dos/as mozos/as con respecto ás actividades que lles gustaría que se realizasen desde o Concello, e crear e atender unha conta de correo electrónico creada especificamente para eles.
Cambio de sentido
Os accidentes de tráfico seguen sendo a primeira causa de mortalidade entre a mocidade de 15 a 24 anos, de aí a urxencia de realizar programas preventivos xa nas autoescolas, espazo ideal para chegar aos mozos e mozas que están sacando o permiso de conducir.
Os/as alumnos/as reciben un manual que contén información relevante sobre a seguridade vial e o impacto na mesma do consumo do alcohol e outras drogas. Así mesmo, reciben tamén unha charla informativa sobre a ilusión de invulnerabilidade, o uso racional do alcol, recomendacións no caso de ter pensado beber alcol, como actuar ante unha intoxicación de alcol e medicamentos, drogas e conducción…
Este programa comezou a desenvolverse o 18 de xullo de 2008 na autoescola Fama e os seus obxectivos son:
Mellorar a información dos alumnos e alumnas nas autoescoelas en relación ós riscos asociados á conducción de vehículos baixo os efectos do consumo de alcohol e outras drogas
Incrementar a percepción de \”vulnerabilidade persoal\” derivada da conducción dun vehículo tras haber inxerido alcohol e/ou outras drogas
Reducir número de accidentes entre os mozos nos que interveñen o alcohol e outras drogas
Reforzar a motivación para evitar o uso do vehículo cando se superen as taxas máximas de alcoholemia permitidas
Promover entre os alumnos das autoescolas alternativas á conducción baixo os efectos das drogas
Xornadas Ribadenses sobre Drogodependencias
En 2006 celebráronse as X Xornadas Ribadenses sobre Drogodependencias analizando a relación ente medios de comunicación social e drogas.
\’Cousas que che interesan como pai/nai: guía sobre drogodependencias\’
Baixo este título editase esta guía para pais e nais de mozos/as de entre 10 e 18 anos. Nela, infórmase sobre os programas realizados, os recursos que existen, os factores de risco e protección, os conceptos básicos e a clasificación das drogas, etc…
Atención ao/á inmigrante
Concello de Ribadeo
Atención ao/á inmigrante
Os procesos de acollida da poboación inmigrante adquiren unha importancia relevante no eido da administración local, por ser esta a que está máis preto da cidadanía. Nela, detéctanse as principais necesidades e demandas da poboación retornada e inmigrante e, en consecuencia, desenvólvense os primeiros procesos de acollida, información, orientación, atención e integración deste colectivo.
Os concellos configúranse como as entidades ás que se dirixe inicialmente a poboación retornada e inmigrante para buscar resposta ás súas demandas e para acceder aos recursos existentes. Desde a Oficina de Atención e Asesoramento a Inmigrantes do Concello de Ribadeo, entendemos que a integración debe ser un proceso bidireccional e baseado nos dereitos e obrigas de estranxeiros e autóctonos.
O noso obxectivo principal é prestar unha atención integral e efectiva ao colectivo inmigrante para:
- Facilitar o seu proceso de integración no medio social, cultural e económico do municipio, mediante un conxunto de prestacións e programas.
- Promover a súa participación e integración na sociedade na que han de convivir, desde o respecto mutuo.
- Informar, orientar e asesorar para tratar de lograr a súa atención integral, converténdoos en persoas cada vez máis autónomas e coñecedoras dos recursos dispoñibles.
- Atender ás preguntas máis frecuentes que formulan s/as usuarios/as deste servizo: reagrupación familiar, nacionalidade, autorizacións de traballo e residencia, renovacións de permisos e pasaportes...
Co fin de ir materializando os seus obxectivos, a Oficina de Atención e Asesoramento a Inmigrantes puxo en marcha os seguintes programas:
Programa de reforzo educativo
A finalidade deste programa de apoio e compensación educativa é atender o desfase curricular derivado da procedencia de outros sistemas educativos e á aprendizaxe das linguas do país de acollida, así como reforzar o sistema de axudas no ámbito escolar.
Programa de promoción da educación cívica intercultural
Este programa ten por finalidade a realización de actividades de educación intercultural e para a tolerancia a través de prácticas e talleres educativos, xogos infantís e outras actividades similares. A súa finalidade é promover o coñecemento mutuo e o respecto das características propias de cada cultura e de fomentar actitudes positivas ante o feito da diversidade entre a poboación escolar galega.
Programa de promoción do emprego
Programa deseñado para desenvolver actividades que contribúan a incrementar o acceso ao emprego do colectivo e a proporcionar unha formación útil de cara a favorecer a súa inserción laboral.
Programa de apoio a mulleres inmigrantes
Este programa engloba as accións dirixidas a facilitar a integración social das mulleres inmigrantes. Entre as accións que se van a desenvolver inclúense aquelas destinadas a proporcionar información, asesoramento, inserción social e laboral, accións formativas e educación para a saúde, entre outras.
Programa de sensibilización cidadá
Neste programa inclúense proxectos que teñan por obxecto establecer espazos de encontro e contextos que favorezan o diálogo entre ambas as dúas poboacións, promovéndose valores de respecto, tolerancia e solidariedade que eviten no futuro actitudes racistas e xenófobas.
Atención a persoas maiores
Concello de Ribadeo
Atención a persoas maiores
Un dos colectivos que, polas súas necesidades, require dunha atención máis especializada é o das persoas maiores. Segundo as cifras do INE (2008), os/as maiores de 65 anos constitúen o 24,4% da poboación ribadense.
Para unha mellor xestión dos servizos e dos recursos que as diferentes administracións teñen posto en marcha para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, os Servizos Sociais do Concello de Ribadeo ofrecen axuda para tramitar as seguintes prestacións socio-económicas:
Pensión non contributiva de xubilación (pdf, 40 kb)
Complemento para titulares de PNC que residan nunha vivenda alugada (pdf, 36 kb)
Fondo de Asistencia Social-Ancianidade (pdf, 32 kb)
Axudas individuais non periódicas para terceira idade (pdf, 32 kb)
Prestación económica ás persoas desprazadas ao estranxeiro durante a súa minoría de idade como consecuencia da Guerra Civil (pdf, 44 kb)
A través dos/as profesionais de Servizos Sociais do Concello de Ribadeo, os/as interesados/as poderán obter tamén información sobre os seguintes programas:
Cheque asistencial (pdf, 40 kb)
Acollemento familiar para a terceira idade (pdf, 40 kb)
Termalismo Social IMSERSO (pdf, 48 kb)
Turismo Social (termal e intercambio) (pdf, 56 kb)
Estadías temporais en residencias públicas (respiro familiar) (pdf, 48 kb)
Apoio Social para familias con maiores dependentes (respiro familiar) (pdf, 52 kb)
Xuntos no Nadal
Programa de vacacións para persoas maiores do IMSERSO (pdf, 44 kb)
Programa de Axuda no Fogar (pdf, 32 kb)
Programa de novas tecnoloxías \’Acompáñote\’: Localización permanente e control voluntario (pdf, 48 kb)
servizos:
Transporte Adaptado: 065-Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (pdf, 52 kb)
Teleasistencia-Telealarma (pdf, 32 kb)
e sobre todo o relativo ao ingreso nos centros dependentes da administración local:
Centro de Día Municipal \’A Concordia\’ (pdf, 48 kb)
Residencia Municipal \’San Sebastián e San Lázaro\’ (pdf, 56 kb)
Vivendas Comunitarias para a Terceira Idade (pdf, 44 kb)
ou de outras administracións:
Centros de Día do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e o Benestar
Centros de Día de Alzhéimer
Centros residenciais para maiores propios da Xunta (Vicepresidencia)
Centros residenciais para maiores con prazas públicas concertadas
Ingreso en residencias