Os produtos do mar e da terra son os protagonistas esta fin de semana de Ribadeo en Rede.

Esta fin de semana celébrase Ribadeo en Rede, “un punto de encontro arredor das oportunidades que nos unen”, explican desde o Concello.
Esta mañá o alcalde, Dani Vega, participou na mesa inaugural xunto a Pablo Fernández (Secretaría Xeral de Emprego da Xunta), Vidal Martínez-Sierra (GDR Terras de Miranda), Rosa Ana González Vizoso (GALP A Mariña-Ortegal) e Manuel Valín (CFEA Pedro Murias), nun coloquio moderado por Lucas Requeijo de Prato_DO.
Houbo tamén un espazo para as voces do territorio, centrado no mar, na gandaría e na horta. E un showcooking a cargo da Asociación de Cociñeiros de Lugo, que puxeron en valor os produtos locais.
Esta tarde tivo lugar un obradoiro familiar impartido por Dani Prieto, na Confraría de Pescadores de Ribadeo.
O rexedor destacou “a labor que desenvolven as entidades e as persoas que traballan cada día pola nosa comarca”.
Ribadeo en Rede seguirá mañá, coincidindo coa clausura do Mercado dos Domingos. Na Praza de Abastos haberá un obradoiro de prensado de mazá, a cargo de Ribeiregas; un novo showcooking da Asociación de Cociñeiros de Lugo, que combinará a faba de Lourenzá co mar; e un concerto de Iria Estévez & Gonzo Piña “Atlántica”.

