Máis de 30 familias, arredor dun cento de persoas, participarán mañá, día 26, nunha nova edición de Orienta Ribadeo

Cartel Orienta Ribadeo

Máis de 30 familias, arredor dun cento de persoas, participarán mañá, día 26, nunha nova edición de Orienta Ribadeo, a proba de aventura organizada polo Concello e pola Xunta. A cita dará comezo ás 11 da mañá na Praza de España.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, lembra que “se trata dunha proba por equipos onde os participantes deberán percorrer a pé unha distancia variable, por terreo urbano principalmente, tentado localizar unha serie de puntos de control ou balizas e superando diversos retos. Durante un tempo máximo de dúas horas os equipos deberán acadar o maior número posible de puntos. A toma de decisións e o traballo en equipo serán claves para completar a proba con éxito, que terá como punto de inicio e final a Praza de España, a carón do Casa do Concello”.

E engadiu: “establécense dúas categorías: infantil e adultos. Na infantil haberá polo menos unha persoa do equipo menor de 12 anos; e na de adultos todos os seus integrantes deben ser maiores de 12 anos. Os equipos estarán formados por un mínimo de dúas persoas e ata un máximo de seis”.

Silvent dixo que “a inscrición rematou o pasado día 20 e foron máis de 30 familias (arredor de 100 persoas) as anotadas, que pasarán a mañá do domingo diferente e dun xeito divertido, facendo estratexias, tomando decisións e traballando en equipo. Moita sorte a todas e todos”.
Orienta Ribadeo está organizada polo Concello e pola Xunta de Galicia.

Ir o contido