O vindeiro 11 de novembro arrinca en Ribadeo o programa Saúde e Emerxencia, que organiza a concellería de Benestar Social e Familia, a través do programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Adictivos.

O vindeiro martes, 11 de novembro, dará comezo a terceira edición do proxecto Saúde e Emerxencias, que realizará o Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Adictivos coa colaboración de Camilo Vázquez Corveiras, enfermeiro, coordinador autonómico de SEMES RCP, instrutor de Soporte Vital Avanzado e doctorante.
Este proxecto aborda os seguintes contidos: información sobre o alcohol e o cannabis; como axudar ante un caso de intoxicación por alcohol ou cannabis; como activar o servizo de emerxencias médicas (061); ou como usar un desfibrilador (soporte vital básico). A metodoloxía a usar serán audiovisuais e prácticas co desfibrilador para todo o alumnado, por ese motivo as sesións durarán arredor de 2 horas para cada grupo natural de aula.
Nesta terceira edición do proxecto Saúde e Emerxencias participan un total de 140 alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES Dionisio Gamallo Fierros; 1º e 2º de FP Básica do CIFP Porta da Auga; 4º de ESO do Colexio Sagrado Corazón; e 4º de ESO do IES Enrique Muruais, de A Pontenova.
O proxecto está organizado pola Concellería de Benestar Social, Saúde e Familia dentro das actividades do Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Adictivos.
O programa, que comeza o 11 de novembro no CIFP Porta da Auga, estenderase durante o mes de novembro polos distintos centros de ensino, traballando en grupo natural de aula (máximo de 25 alumn@s) para que tod@s poidan participar e aprender a facer RCP.

