O Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo acolleu a presentación do libro ‘Bo proveito, amiguiños. Lugo, 90 anos de radio’, do xornalista Paco Nieto.

O xornalista lugués Paco Nieto presentou en Ribadeo o seu libro Bo proveito, amiguiños. Lugo, 90 anos de radio. O acto tivo lugar no Salón dos Alcaldes do Pazo de Ibáñez.
O libro é un reflexo da paixón que Paco Nieto sente pola radio, medio no que traballou en Lugo durante 47 anos, primeiro en Radio Popular-Cope e desde 1999 ata a súa xubilación en Radio Lugo-Cadena Ser. Música, programas matinais ou tertulias de actualidade foron algúns dos formatos nos que desenvolveu a súa profesión. No libro Paco Nieto recolle o nome de arredor de 400 mulleres e homes que formaron parte da radio na provincia de Lugo, de norte a sur, de leste a oeste, ao longo de 90 anos desde 1935 ata 2025.
Foi un 27 de outubro de 1935 cando a radio local se poñía en marcha en Lugo. E alí estaba Xosé Trapero Pardo, toda unha referencia para o medio. Presentou durante moitos anos Cousas da nosa terra, cara o mediodía, programa que sempre rematada coa frase Bo proveito, amiguiños, de aí a presenza no título do libro de Paco Nieto.
Os asistentes á presentación puideron escoitar as voces do propio Trapero Pardo, de Castelao, de Manuel María, a do ribadense Javier Miró, unha actuación do grupo local Los Breakers en Lugo, así como un extracto da primeira misa oficiada en galego, feito que aconteceu o día de San Isidro do ano 1968 en Ribadeo na igrexa da Virxe do Camiño. O crego foi o reverendo Luis Martínez Pérez.
Acompañaron ao autor na presentación a xornalista Carmen Cruzado e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.

