O programa Preto de Ti do Concello de Ribadeo celebrou este sábado, 20 de decembro, a súa tradicional comida de Nadal

O programa Preto de Ti do Concello de Ribadeo celebrou este sábado, 20 de decembro, a súa tradicional comida de Nadal no restaurante A Pena, nun ambiente de convivencia e alegría.
No encontro participaron o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e a concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, xunto coas técnicas do programa e as persoas usuarias do mesmo. Durante a xornada os asistentes compartiron unha comida, participaron no amigo invisible e houbo tempo tamén para o baile, nun clima de boa sintonía e ledicia.
A concelleira Elena Sierra quixo agradecer “a participación de todas as persoas asistentes, así como o traballo das técnicas e do equipo implicado, destacando a importancia deste tipo de iniciativas que fortalecen as relacións sociais, fomentan o benestar emocional e contribúen a construír unha comunidade máis próxima e cohesionada”.
As persoas participantes cualificaron a xornada como marabillosa, chea de bo humor e compañeirismo.
O alcalde, Dani Vega, tivo palabras de agradecemento para todos “por esta xornada chea de ilusión e de bos momentos” e desexou “felices festas de Nadal e saúde para todas e todos”.

