O Forte de San Damián, con máis vida que nunca.

Onte e hoxe celebrouse a I Xornada arredor do Forte de San Damián, enmarcada no programa Ribadeo cara o Mar.
Foi un encontro divulgativo que buscou poñer en valor o patrimonio fortificado costeiro e promover a conservación dun dos símbolos máis singulares de Ribadeo. O programa desenvolvido esta fin de semana constou de 4 sesións temáticas nas que especialistas de Galicia e Asturias abordaron a evolución das defensas costeiras dende o século XVI ata a época contemporánea, con especial atención ao papel estratéxico da ría de Ribadeo.
Houbo sesións, charlas e visitas guiadas ao casco histórico das fortificacións de Porcillán, así como degustacións gastronómicas revalorizando os produtos do mar e un concerto de música antiga como peche das xornadas arredor do Forte de San Damián, que tiveron lugar os días 17 e 18 de outubro en Ribadeo.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, subliñou que “foron dúas intensas xornadas de aprendizaxe, grazas ás achegas que puxeron enriba da mesa os expertos que pasaron por Ribadeo estes días. A valoración que facemos desde o Concello de Ribadeo é moi positiva”.
O alcalde, Dani Vega, agradeceu a participación dos conferenciantes e dos asistentes “a este importante evento centrado na nosa historia e nunha das nosas fortificacións máis emblemáticas, como é Forte de San Damián, un marco no que se seguirán a desenvolver actividades culturais ao longo dos vindeiros meses. Foi unha das nosas apostas desde o principio e nesa liña imos seguir”.

