O Concello de Ribadeo presenta novas visitas teatralizadas ao Forte de San Damián dentro do programa Ribadeo Cara ao Mar.

O Concello de Ribadeo, a través do proxecto Ribadeo Cara ao Mar, vén de anunciar unha nova programación de visitas teatralizadas ao Forte de San Damián, unha proposta divulgativa que combina historia, patrimonio e interpretación escénica para achegar ao público a evolución defensiva e marítima da vila dun xeito dinámico e participativo.
As visitas, que terán lugar os días sábado 22 e domingo 23 de novembro, propoñen ao público unha experiencia inmersiva na que guías-actores darán vida a personaxes e episodios históricos vencellados ao forte e á defensa costeira de Ribadeo. A actividade permitirá coñecer non só feitos documentados, senón tamén lendas e curiosidades asociadas a este enclave estratéxico, ofrecendo unha aproximación divulgativa adaptada a todos os públicos.
Os pases desenvolveranse en horarios de mañá e tarde —ás 11:30, 12:00, 13:30, 17:00 e 18:00 horas— e celebraranse no propio recinto do Forte de San Damián, un dos elementos patrimoniais máis relevantes do litoral ribadense.
A participación é gratuita, mais require inscrición previa a través da web municipal: https://www.fortesandamian.
Estas visitas forman parte das accións previstas no programa Ribadeo Cara ao Mar para dar a coñecer, poñer en valor e dinamizar o patrimonio marítimo, social e histórico do municipio, favorecendo a súa difusión entre a cidadanía e tamén entre o público visitante.
O proxecto “Ribadeo cara ao Mar” busca poñer en valor o patrimonio marítimo e cultural do municipio a través de accións divulgativas e dixitais. Conta cunha axuda tramitada perante o GALP A Mariña-Ortegal e aprobada pola Consellería do Mar, no marco do FEMPA 2021-2027, cofinanciada pola UE e a Comunidade Autónoma de Galicia.

