O Concello de Ribadeo impulsa un grupo de apoio mutuo para coidadores de persoas dependentes, que botará a andar o vindeiro 28 de abril.

O Concello de Ribadeo, a través da Área de Benestar Social, Saúde e Familia, pon en marcha un grupo de apoio mutuo dirixido a coidadores e coidadoras de persoas dependentes, en colaboración coa asociación Cuiden Maiores e Coidadores.
Esta iniciativa desenvolverase no Centro Social de Ribadeo con carácter quincenal e dará comezo o vindeiro 28 de abril. Trátase dun proxecto piloto cunha duración inicial de tres meses, tras os que se avaliará a súa continuidade en función da participación e acollida por parte da veciñanza.
O grupo consistirá nun espazo de encontro no que as persoas participantes poderán compartir experiencias e inquedanzas relacionadas coa labor de coidador. As sesións estarán moderadas por profesionais da asociación Cuiden, favorecendo un ambiente de apoio, comprensión e aprendizaxe mutua.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, destacou que “estamos moi satisfeitos de poder poñer en marcha esta iniciativa, xa que sabemos que é moi necesaria. As persoas coidadoras soportan unha gran carga, tanto física como emocional, e estes espazos son fundamentais tamén para o seu autocuidado”.
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, sinalou que “seguimos na liña de traballar polas persoas e polo seu benestar, promovendo accións que melloren a calidade de vida da nosa veciñanza”.
Dende o Concello anímase a todas as persoas interesadas a participar neste grupo, que pretende ser un punto de apoio e acompañamento para quen desempeña un papel esencial na sociedade como é o coidado de persoas dependentes.

