O Concello de Ribadeo actuará na rede municipal de pistas forestais para mellorar a súa conservación e seguridade

O Concello levará a cabo actuacións de limpeza, mantemento, reparación e mellora das pistas e camiños forestais municipais, adaptadas ás necesidades de cada tramo.
Os traballos poderán incluír a retirada de vexetación invasora, limpeza de cunetas, mellora da plataforma e do firme, eliminación de obstáculos, poda ou retirada de vexetación que afecte á zona de tránsito e, cando sexa necesario, ampliación ou acondicionamento da sección das pistas.
A resolución tamén establece a necesidade de comprobar o cumprimento das distancias mínimas das plantacións forestais respecto das vías e pistas, de acordo coa normativa forestal aplicable.
Estas actuacións buscan garantir unhas condicións adecuadas de tránsito e conservación e facilitar tamén os labores de xestión forestal, vixilancia e prevención e defensa fronte aos incendios forestais.

