O concelleiro de Deportes destaca a gran participación e a afluencia de público celebrados a pasada fin de semana en Ribadeo.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destaca a gran participación e a afluencia de público que houbo nos eventos deportivos celebrados a pasada fin de semana en Ribadeo.
Silvent explicou que “no parque de San Francisco desenvolveuse o domingo a proba de obstáculos infantil Gladiator Family, na que participaron 300 nenas e nenos de 3 a 11 anos de idade coas súas familias, e o diñeiro recadado coas inscricións destínase á Cruz Vermella de Ribadeo”.

Por outra parte, “durante todo o sábado o polideportivo da rúa Alfredo Deaño estivo ateigado de xente coa celebración dos play off de hockei liña nas categorías alevín e prebenxamín, que contou coa participación de seis equipos, un deles do club local Isla Pancha. E tamén o sábado tivo lugar unha exhibición de Jiu-Jitsu xaponés no pavillón da Avenida de Luarca”, contou Francisco José Silvent.

O concelleiro de Deportes resalta que “eventos deportivos como estes axudan á economía da vila porque atraen a centos de persoas, que visitan Ribadeo con este motivo e despois volven noutras ocasións e ademais fan de embaixadores do municipio”.