O alcalde, Dani Vega, subliñou que Ribadeo convértese así nun referente autonómico en Formación Profesional.

O rexedor dixo que “despois dun traballo conxunto, podemos anunciar que Pedro Murias vai implantar un novo ciclo, neste caso o ciclo superior de gandería e asistencia en sanidade animal. Polo tanto, despois de moito traballo, despois de facer as cosas con moita sensatez, con moita responsabilidade, podemos dicir que é a primeira vez que Pedro Murias vai contar cun ciclo superior que neste caso parecíanos de gran importancia, xa que collerá un área de influencia moi importante ata a Terra Chá ou máis aló e tamén captará alumnado da zona de Asturias. Estamos a falar dun ciclo superior que ten unha demanda moi importante”.

Vega indicou que “neste momento había que ir a Sergude a realizar esta formación. Agora Ribadeo tamén vai ter moita xente próxima a Ribadeo, que vai ter unha oportunidade de acercarse para realizar este ciclo superior. Estamos diante dun paso cualitativo, porque estamos a falar de formación profesional ciclo superior e cuantitativo, porque estamos incrementando a oferta en Pedro Murias. Neste momento ten toda a formación en agroecoloxía, en ecolóxico, tamén todo o relacionado co mundo do sector forestal, a horta e agora o ciclo superior de gandería e asistencia en sanidade animal”.

O alcalde ribadense destacou que “neste camiño é no que estamos xestionando recursos para investir, para mellorar e que Ribadeo avance, pero tamén estamos xestionando ferramentas que inserten a moitos rapaces e rapazas no mundo laboral, porque aí está o futuro na formación e no emprego, en ter sectores económicos que potencien a nosa vila e converternos nunha referencia non soamente a nivel comarcal e provincial, senón xa cun impacto autonómico en referentes na formación profesional”.

E lembrou que “estamos colaborando tamén con outros centros, neste caso co Porta da Auga, que tamén estamos traballando para incrementar o abanico de posibilidades á hora de escoller formación profesional, e hoxe damos un salto moi importante”.

Vega tivo tamén palabras de agradecemento: “agradecer á Consellería de Medio Rural que entendera que Pedro Murias ten que converterse nun centro referencia na formación profesional. Tamén contamos con residencia para que o alumnado se poida quedar e iso tamén é importantísimo. Grazas á conselleira, grazas a toda a Consellería, aos técnicos, por camiñar todos xuntos, agradecerlle evidentemente á dirección de Pedro Murias o traballo constante e continuo que están a facer para converternos nun referente tamén na formación ligada ao sector primario, ao sector da gandería, tamén da horta con moita formación non regrada, no sector forestal e agora nun ciclo superior de gandería e asistencia en sanidade animal”.

Ir o contido