O 3 de novembro arrincará a cuarta edición do proxecto saúde e emerxencias, que organiza a concellería de Benestar Social e Familia de Ribadeo.

O vindeiro martes, 3 de novembro, dará comezo a cuarta edición do proxecto Saúde e Emerxencias, unha iniciativa do Concello de Ribadeo que se desenvolverá coa colaboración de Camilo Vázquez Corveiras, que é enfermeiro, coordinador autonómico de SEMES-RCP, instrutor de Soporte Vital Avanzado e doutorado.
A concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, explica que “o proxecto ten como obxectivo proporcionar ao alumnado coñecementos básicos e ferramentas prácticas para actuar ante situacións de emerxencia, combinando a prevención do consumo de substancias coa aprendizaxe de técnicas de primeiros auxilios e soporte vital básico. Os contidos que se abordarán nas sesións son os seguintes: Información sobre o alcohol e o cannabis e os seus efectos; Como actuar ante un caso de intoxicación por alcohol ou cannabis; Como activar correctamente o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia (061); Uso do desfibrilador externo semiautomático (DESA); e Aprendizaxe das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP), mediante prácticas con maniquíes de simulación”.
A metodoloxía será eminentemente práctica e participativa, combinando recursos audiovisuais con exercicios de adestramento no uso do desfibrilador e na realización das manobras de RCP sobre maniquíes específicos. “Deste xeito, búscase que todo o alumnado poida practicar directamente as técnicas aprendidas e adquirir habilidades básicas para responder ante unha situación de emerxencia. As sesións terán unha duración aproximada de dúas horas e desenvolveranse cos grupos naturais de aula”, engadiu a concelleira ribadense.
A iniciativa chegará a 146 alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, de 1º e 2º da FP básica do CIFP Porta da Auga, de 4º de ESO do colexio Sagrado Corazón e de 4º de ESO do IES Enrique Muruais, da Pontenova.
O proxecto está organizado pola Concellaría de Benestar Social, Saúde e Familia no marco das actividades do Programa de Prevención de Drogodependencias e Outros Trastornos Adictivos.
As actividades comezarán o martes, 3 de novembro, no colexio Sagrado Corazón, e estenderanse ao longo do mes de novembro nos distintos centros educativos participantes.
As sesións organizaranse en grupos naturais de aula, cun máximo de 25 alumnos e alumnas, co fin de favorecer a participación activa e garantir que todos e todas teñan a oportunidade de practicar as manobras de reanimación cardiopulmonar e familiarizarse co uso do desfibrilador.

