O 18 de maio terá lugar a sétima edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo.

A edil ribadense indicou que “seguramente moitos de vos recordaredes eses xuntanzas festivas dos anos 50 ou 60 nas que unha tasca, unha xarra de viños e un grupo de amigos eran máis que suficiente para poñer en marcha un improvisado concerto de cantigas populares. Probablemente moitas das pezas populares que hoxe se conservan xurdiron desa espontaneidade de antaño”.  

Marta Saiz subliñou que “hoxe esta actividade converteuse nunha cita ineludible para os amantes da música e atrae a numerosos grupos de distintos puntos de Galicia e Asturias, creando un ambiente festivo nos diferentes locais de hostalería. Para as persoas interesadas, as bases atópanse publicadas na páxina web do Concello. Os integrantes de todos os grupos quedarán convidados a unha cea pincheo conxunta, que terá lugar ese día o 18 de maio, ao remate dos Cantos de Taberna”. 

A concelleira de Turismo lembrou que “a inscrición nos Cantos de Taberna é gratuíta e realizarase a través de turismo@ribadeo.gal ou chamando ao seguinte número de teléfono 982 128 689. Os participantes deberán achegar a ficha de solicitude dispoñible en na sede electrónica da páxina web do Concello https://www.ribadeo.gal//En canto os establecementos que desexen adherirse ao evento deberán poñerse en contacto coa oficina de turismo de Ribadeo a través do email turismo@ribadeo.gal ou o teléfono 982128 689. Neste caso o límite de prazo para recepcionar as inscricións será o 10 de maio”. 

A participación no concurso este ano aumenta o número de grupos ata 15 e/ou un máximo de 150 persoas en total. Cada grupo percorrerá o itinerario que a organización lle marque, non podendo realizar actuacións noutros locais de hostalería que non lle fosen asignados. 

O repertorio será de libre elección, preferentemente con temas populares e tradicionais, incluíndo algunha obra de arraigamento ribadense, que poderán variarse ao longo do percorrido. E cada grupo poderá achegar, xunto coas voces que serán obrigatorias, instrumentos musicais que os acompañen. 

Marta Saiz engadiu: “xa sabedes apuntade a data e non dubidedes en achegarvos a Ribadeo a participar e a disfrutar desta xornada tan popular e tan festiva como son os Cantos de Taberna”.