Mariano Rajoy destacou as potencialidades de Ribadeo na visita institucional cursada hoxe ao Concello
O ex presidente do Goberno Mariano Rajoy destacou as potencialidades de Ribadeo na visita institucional cursada hoxe ao Concello, onde asinou no libro de honra e se dirixiu aos asistentes no Salón dos Alcaldes.
O rexedor, Dani Vega, dixo que “recibimos a Mariano Rajoy, que para nós é un orgullo, e desde logo seguimos nesa liña de abrir Ribadeo a todo o mundo. E desde logo, cando nos enteramos de que Mariano Rajoy tiña gran interese en acudir a Ribadeo, falamos con el. Isto é verdade que parte de cando veu aquí Soraya Sáenz de Santamaría aos Foros Sargadelos e acude o despacho da alcaldía e ve unha foto miña con Mariano Rajoy. Mandámoslle a foto e a Rajoy, fíxolle ilusión evidentemente e quería vir a Ribadeo. Nun encontro que tivemos con el e con Barreiro falamos, el tiña interese porque xa viñera no 2009 nos dixo e quería volver porque tamén era para el unha satisfacción que hai un ano ganáramos as eleccións”.
O alcalde indicou que “veu en calidade de ex presidente, xa viñeron outras personalidades a Ribadeo e vamos a seguir invitando a todo mundo a Ribadeo, aqueles que están hoxe nos cargos de dirección ou persoas que representaron tanto como Mariano Rajoy, sendo presidente de todos os españois. Nesa liña é na que imos seguir, abrindo a Ribadeo a todo o mundo, que todo o mundo pode contribuír, apoiar, reforzar, moitas propostas que temos desde o Concello”.
Para Vega “é unha alegría, eu creo, e así o digo porque o sinto, unha satisfacción moi importante de que un presidente como Mariano Rajoy veña a Ribadeo, veña ao Concello e tamén é moi importante, que cando saia fale ben de Ribadeo e que diga que facemos as cosas bastante ben”.
Mariano Rajoy asinou no libro de honra do Concello e na súa intervención destacou as potencialidades de Ribadeo. Tanto o ex presidente do Goberno como o alcalde ribadense destacaron a figura de Leopoldo Calvo-Sotelo.
Dani Vega fíxolle entrega dunha figura de cerámica que reproduce o monumento ao gaiteiro. Ao remate do acto Mariano Rajoy departiu cos asistentes e de seguido deu un paseo polo casco vello na compañía do equipo de goberno e das autoridades asistentes (alcaldes, senadores, deputados, delegado territorial da Xunta en Lugo…).