Mägo de Oz pechará as Patronais de Ribadeo 2026, que contarán cunha ampla programación para todos os públicos.

Mägo de Oz pechará as Patronais de Ribadeo 2026, que contarán cunha ampla programación para todos os públicos.

O Concello de Ribadeo e a Comisión de Festas presentaron o programa das Patronais, que culminará o 8 de setembro cun concerto gratuíto de Mägo de Oz. Daniel Vega e Gonzalo Lebredo destacan a colaboración da Xunta de Galicia e o traballo conxunto que permite ofrecer unha das programacións máis ambiciosas dos últimos anos.

O Concello de Ribadeo e a Comisión de Festas de Ribadeo veñen de presentar a programación das Festas Patronais 2026, que se desenvolverá entre finais de agosto e o 8 de setembro e que terá como gran novidade e broche final o concerto de Mägo de Oz, unha das bandas máis populares e recoñecibles do rock español. A actuación terá lugar o martes 8 de setembro, ás 23:00 horas, no recinto feiral de Ribadeo, con entrada totalmente gratuíta, dentro da xira La Noche de las Brujas 2026. O concerto permitirá pechar as festas cun espectáculo de primeiro nivel e coa previsión de atraer a Ribadeo público procedente non só da Mariña, senón tamén do resto de Galicia e da veciña Asturias.

O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, salientou que “conseguir que Mägo de Oz actúe en Ribadeo e que, ademais, o concerto sexa gratuíto é unha magnífica noticia para a vila. Falamos dunha banda cunha traxectoria enorme, coñecida por varias xeracións e cun espectáculo capaz de atraer milleiros de persoas. Queremos que o 8 de setembro Ribadeo sexa un punto de encontro para toda A Mariña e para moita xente que nos visite desde Asturias e outros lugares de Galicia”.

Vega destacou especialmente “o traballo conxunto entre o Concello, a Comisión de Festas e a Xunta de Galicia”, unha colaboración que, segundo sinalou, “permite construír unhas festas importantes, atractivas e á altura de Ribadeo”. O alcalde agradeceu “o compromiso da Xunta de Galicia coas festas e con Ribadeo, así como o enorme esforzo realizado durante meses pola Comisión para sacar adiante unha programación destas características”.

Pola súa banda, o presidente da Comisión de Festas, Gonzalo Lebredo, explicou que “desde o primeiro momento quixemos facer unhas Patronais grandes, pero tamén variadas, populares e pensadas para todas as idades. Mägo de Oz é evidentemente o nome que máis chama a atención do cartel e estamos moi satisfeitos de poder ofrecer este concerto de balde, pero detrás del hai moitos meses de traballo e unha programación completa durante varios días”.

Lebredo incidiu tamén en que “sen a colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia sería imposible afrontar unhas festas desta dimensión. Para unha comisión é fundamental atopar institucións que entendan que as Patronais son algo máis ca uns días de verbena: forman parte da identidade de Ribadeo, dinamizan a vila, benefician á hostalería e ao comercio e permiten que miles de persoas desfruten xuntas das festas”.

A programación deu comezo o domingo 23 de agosto co Trofeo Festas Patronais de Baloncesto, que enfrontou ao Río Breogán e ao Sporting Clube de Portugal. O domingo 30 celebrarase o tradicional Día da Bicicleta, cun percorrido popular polas rúas de Ribadeo.

O martes 1 de setembro será o Día dos Maiores, cunha xornada especialmente dedicada aos usuarios do Centro de Día e da Residencia de Maiores, coa presenza dos Cocos e Cabezudos, música tradicional e chocolatada.

O venres 4, Día do Pregón, haberá pasarrúas de Los Támega. O pregón terá lugar no Cine Teatro ás 20:30 horas. Será pronunciado por Pepe Conde (ex xefe do servizo cirurxía do HULA), actuará a Coral Polifónica de Ribadeo e haberá unha noite de DJs con Alejandro Martínez, Manu Méndez e DJ Twins.

O sábado 5 contará co Half Triatlón Ribadeo, pasarrúas da Charanga BCB, sesión vermú de La Hora Bruja e verbena coa Orquestra Miramar e a Orquestra Fania Blanco Show.

O domingo 6, Día do Neno, haberá actividades infantís, inchables e festa da espuma no Cantón, fútbol no estadio municipal Pepe Barrera, música durante toda a xornada e unha gran verbena con Grupo Origen e Panorama City.

Na véspera da Patroa, o luns 7, a programación combinará os actos máis tradicionais coa sesión vermú do Dúo Venus, a actuación da Mekanika Rolling Band, a verbena con Los Satélites e Grupo Tekila e, ás 23:59 horas, unha gran sesión de fogos artificiais de Pirotecnia Reiriz.

E o martes 8 de setembro, Día da Patroa, concentrará os actos máis solemnes das festas. Ás 11:30 horas terá lugar o recibimento de autoridades na Casa do Concello e o posterior acompañamento ata a igrexa parroquial. Ás 12:00 celebrarase a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida da procesión e do concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo diante do Concello.

Pola tarde e pola noite continuará a música no recinto feiral antes do gran acontecemento das Patronais: ás 23:00 horas subirá ao escenario Mägo de Oz, que levará a Ribadeo o espectáculo da súa xira La Noche de las Brujas 2026.

Daniel Vega e Gonzalo Lebredo coinciden en convidar “a toda A Mariña, a Galicia e aos nosos veciños de Asturias a vir a Ribadeo, desfrutar das Patronais e acompañarnos especialmente nun 8 de setembro que queremos que sexa inesquecible”.

O Concello e a Comisión agradecen expresamente a colaboración da Xunta de Galicia, así como a participación das entidades, empresas, colectivos e persoas que fan posible a celebración das Patronais. O programa conta co apoio de ACISA Ribadeo, Sanbet Agencia, Estudio Reverte e co patrocinio oficial de Estrella Galicia.

Ir o contido