I Encontro Forestal do Noroeste

Ribadeo acollerá o 16 de outubro o I Encontro Forestal do Noroeste no que diferentes expertos analizarán o presente e o futuro do sector.
O alcalde, Dani Vega, contou que “Ribadeo vai acoller o primeiro Encontro Forestal do Noroeste. Queremos analizar un sector que está causando un impacto positivo no territorio, en toda a comunidade galega, tamén analizar o sector en Ribadeo e contamos coas dúas administracións, tanto o Principado de Asturias como a Xunta de Galicia, e tamén distintas entidades como Lugo Madera, Ence e o Concello de Ribadeo, que é o que acolle e recibe este foro”.
O rexedor tivo palabras de agradecemento para o Centro Pedro Murias: “por seguir avanzando na análise, na investigación e nos retos nos que todos debemos traballar para que o sector forestal siga medrando. Hai que lembrar que en Pedro Murias tamén hai un ciclo de formación profesional do sector forestal. Neste encontro haberá mesas onde se analizará a riqueza, o emprego, toda a xestión do territorio, o impacto que está causando o sector forestal, un impacto moi positivo. E tamén vamos analizar a estratexia que debemos seguir e as medidas desde un punto de vista medioambiental”.
Vega subliñou que “será unha análise fundamental para seguir traballando nun sector que está creando emprego, tamén o Concello de Ribadeo que está xestionando o sector forestal en todo o territorio con ese Plan Avanza Rural no que estamos a traballar en colaboración coa Xunta de Galicia para limpar todas as pistas. E recordábamos estes días que pistas de 2 metros pasan ata 8 metros de ancho que serven de corta lumes e tamén para xestionar a saca de madeira. É moi importante toda a limpeza, a maior limpeza que se está facendo no Concello de Ribadeo tanto nas franxas de protección como en todas as pistas forestais. Ese incremento de practicamente 30.000 euros de xestión por parte da Xunta de Galicia para seguir traballando na limpeza do sector e na limpeza do monte eu creo que é algo importante e algo que está liderando o Concello de Ribadeo”.
Para o alcalde ribadense “este encontro vai servir para analizar e sen lugar a dúbidas para avanzar”.

