Hai un total de 280 inscritos nos Campamentos de Verán ofertados polo Concello de Ribadeo.

Do 21 ao 30 de abril estará aberto o prazo de preinscrición nos Campamentos de Verán do Concello de Ribadeo

Son 210 no que se desenvolverá no Ceip Gregorio Sanz e 70 para o do albergue de Allariz, en Ourense. Esta programación conta co respaldo do Plan Corresponsables, que está cofinanciado pola Consellería de Política Social e igualdade e polo Ministerio de Igualdade.

O concelleiro de Mocidade, Francisco José Silvent, explicou que “xa temos a lista provisional de inscritos nos Campamentos de Verán, que ofertamos desde o Concello de Ribadeo, tanto na nosa vila como en Allariz. Pais e nais poden acceder a esa lista a través da nosa sede electrónica e no taboleiro de anuncios do Concello”.

E subliñou: “estamos moi contentos coa acollida que tivo esta programación. É unha proposta que responde ao compromiso municipal de ofrecer espazos seguros, inclusivos e educativos que contribúan ao desenvolvemento integral da rapazada, promovendo ao mesmo tempo a conciliación das familias”.

O edil ribadense lembrou que “as actividades están dirixidas a nenos, nenas e mocidade do municipio, ofrecendo alternativas de lecer educativo durante o período estival. No caso das colonias urbanas, desenvolveranse en cinco quendas entre finais de xuño e finais de xullo, cun horario adaptado ás necesidades das familias, incluíndo servizo de conciliación desde as 8:00 ata as 15:00 horas. O programa inclúe actividades deportivas, xogos en grupo, xincanas, propostas creativas e excursións, así como iniciativas específicas para o alumnado de maior idade, como saídas a parques acuáticos e noites de convivencia”.

E engadiu: “pola súa banda, os campamentos en Allariz permitirán á mocidade vivir unha experiencia de convivencia en contacto coa natureza, reforzando valores como a autonomía, o traballo en equipo e a igualdade”.

Ir o contido