Éxito de participación nas Xornadas arredor da Ría que se celebran desde onte en Ribadeo.

O Concello de Ribadeo organiza unhas xornadas dedicadas á ría, co obxectivo de analizar e poñer en valor o impacto que este espazo natural ten na contorna. Nas actividades, que deron comezo onte, abordarase cunha visión global e transversal, centrada nos principios do turismo sostible e na protección do patrimonio natural e cultural.
A ría de Ribadeo é un dos espazos naturais protexidos máis importantes de Galicia e está recoñecida como humidal de gran valor ecolóxico. Durante as xornadas analizarase o seu papel esencial desde diferentes perspectivas:
- Ambiental: pola súa riqueza natural e pola necesidade de preservar un ecosistema clave para a biodiversidade.
- Social: como símbolo de unión entre Galicia e Asturias, dúas comunidades irmás que comparten historia, cultura e vínculos humanos a través da ría.
- Económica: por ser, ao longo dos séculos, motor de desenvolvemento e actividade na zona. O comercio marítimo, a construción naval, o marisqueo, a pesca e, máis recentemente, as actividades recreativas e turísticas, teñen na ría o seu punto de referencia.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, indicou que “a acollida destas xornadas está a ser excepcional. Ata o momento hai 93 persoas inscritas, unha cifra récord que podería chegar á centena nas vindeiras horas. Este interese demostra que estamos ante un tema de grande relevancia e atractivo, que esperta a curiosidade non só da cidadanía ribadense, senón tamén de participantes doutros puntos de Galicia e de Asturias. Entre as persoas inscritas figuran visitantes procedentes de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Sigüeiro, Abres, Castropol, entre outros lugares”.
E engadiu: “desde o Concello de Ribadeo queremos agradecer sinceramente a confianza e o entusiasmo de todas as persoas participantes, que fan posible que estas xornadas se convertan nun espazo de encontro, diálogo e aprendizaxe compartida arredor dun ben común: a nosa ría”.
Onte, xoves, tivo lugar unha xeorruta entre Porcillán e Rochas Brancas, así como unha charla sobre a ría como espazo social: identidade compartida entre tres territorios na que participaron os alcaldes de Castropol, Vegadeo e Ribadeo. As Xornadas arredor da Ría de Ribadeo seguirán ata o vindeiro domingo con visitas guiadas, xeorrutas, degustacións gastronómicas, charlas e mesa redonda.

