Este sábado, 30 de maio, Ribadeo acollerá o I Foro Alzheimer cunha xornada dedicada á información, apoio e recursos para familias e coidadores.

Este sábado, 30 de maio, Ribadeo acollerá o I Foro Alzheimer cunha xornada dedicada á información, apoio e recursos para familias e coidadores. Está organizado pola Área de Benestar Social, Saúde e Familia do Concello ribadense. 

O foro contará coa colaboración da Xunta de Galicia e das asociacións AFALU Lugo e AFÁN Burela, entidades de referencia no apoio ás persoas con alzheimer e outras demencias. A xornada desenvolverase no Salón de Alcaldes do Concello de Ribadeo, en horario de 10:00 da mañá a 19:00 horas, cun programa amplo e diverso que combinará conferencias, mesas redondas e actividades prácticas.

Entre os contidos destacados figura a participación da doutora Malfeito, xefa do servizo de Xeriatría do HULA, que ofrecerá unha charla especializada sobre o alzheimer e os retos actuais arredor desta enfermidade. Ademais, profesionais da psicoloxía de AFALU abordarán diferentes ferramentas de apoio emocional e acompañamento para familias e persoas coidadoras. O programa incluirá tamén unha mesa redonda de familiares que compartirán as súas experiencias persoais, un taller corporal e de respiración impartido por Lucía Erice, do Carboeiro, así como unha mesa informativa sobre recursos e servizos dispoñibles por parte das asociacións colaboradoras.

O Concello de Ribadeo anima á veciñanza a participar nesta primeira edición dun foro que nace coa vontade de consolidarse como un espazo de referencia para a información, a sensibilización e o apoio arredor do alzheimer.

Ir o contido