Este sábado, 28 de setembro, terán lugar os actos centrais de celebración do cuarto centenario da construción do primeiro Forte de San Damián.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, contou que “neste 2024 cúmprense 400 anos da construción do primeiro Forte de San Damián. Ó longo do ano foron levándose a cabo diferentes actividades para celebrar esta data e para dar a coñecer a historia do noso Forte como visitas guiadas, conferencias, presentacións de libros…”.
A edil ribadense subliñou que “este sábado damos un paso máis e inauguramos unha exposición permanente, que é o primeiro paso para o que será o centro de interpretación do Forte de San Damián. Esta instalación estará aberta todo o día para que poida visitarse libremente ou con guía. Ás 20:30 horas teremos a inauguración oficial, pode parecer unha hora rara pero o importante ven a continuación: desfrutaremos dun concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que nos levará a percorrer diferentes capítulos da historia do Forte. Axudarannos nesta viaxe o Grupo de Teatro de Ribadeo e tamén unha proxección de imaxes. Será no exterior do Forte por iso precisamos de que non haxa luz e por iso a hora acordada son as nove da noite”.
Sanjurjo engadiu: “quero agradecer a súa colaboración desinteresada á Banda e o Grupo de Teatro e sobre todo a Begoña García (técnica de Turismo) e a Alberto Paraje polo traballo feito ó longo do ano para que isto chegue a bo porto. Anímovos a todos e todas a coñecer o Forte e gozar deste concerto con moita historia”.
Presentación
Por outra banda, tamén esta sábado estará en Ribadeo o escritor Manel Loureiro, que presentará a súa obra Cuando la tormenta pase, que foi Premio Lara. O autor estará acompañado por José Manuel Romero Moreno, Conde de Fontao. O acto terá lugar ás 19 horas no Salón dos Alcaldes do Pazo de Ibáñez.