Este sábado, 13 de xuño, terá lugar o 3º Encontro de Familias, organizado polo Concello de Ribadeo.

O vindeiro sábado, día 13, terá lugar o 3º Encontro de Familias, organizado pola Área de Benestar Social, Saúde e Familia do Concello de Ribadeo e pola asociación Guillem Veiga Iglesias.
O programa deste 2026 inclúe tres encontros, un que tivo lugar o 23 de maio, outro o 6 de xuño e o último é o deste sábado, día 13. A temática desta sesión xirará arredor da responsabilidade e autonomía: axudando a construír capacidades para a vida. A xornada desenvolverase no Centro Sociocomunitario de Ribadeo en horario de 11:30 a 13:30 horas.
A concelleira Elena Sierra subliñou que “nestes encontros reflexionamos sobre a relevancia destes temas para mellorar a calidade de vida das nosas familias e velar tanto polo crecemento físico e cognitivo como polo benestar emocional e social das nosas crianzas”.
E engadiu que “calquera persoa interesada pode asistir á última sesión deste sábado. Non é necesario que tivese acudido ás anteriores”. Sierra lembrou que “estes encontros son gratuítos e teñen prazas limitadas que serán reservadas por orde de inscrición. Para mais información as persoas interesadas poden contactar por telefono ou whatstapp no 672 98 64 76 ou no mail drogodependencias@ribadeo.gal”.
Os Encontros de Familias son espazos para aprender, reflexionar e compartir experiencias.

