En Ribadeo xa se poden solicitar os premios para as fogueiras de San Xoán e San Pedro

En Ribadeo xa se poden solicitar os permisos para as fogueiras de San Xoán e San Pedro. A través dun Bando desde o Concello realizan unha serie de recomendacións:
1º.- Prohíbese queimar rodas ou cubertas de goma, plástico, aceites ou calquera material derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes ou tóxicos.
2º.- Non se poderán facer fogueiras en lugares próximos a tendidos eléctricos ou telefónicos, edificios, vehículos e mobiliario urbano (mínimo 50 m) ou calquera outro no que poidan crearse situacións de perigo.
3º.-Non poderán realizarse en terreos que teñan natureza forestal ou agrícola, para os cales deberase comunicar e pedir unha autorización á Consellería de Medio Rural. Tampouco en terreos que estean preto deles ou de vexetación susceptible de propagar o lume (Art. 36 da Lei 3/2007, de 9 de abril), nin baixo o arborado de parques e xardíns.
No Bando da Alcaldía sublíñase que “cada fogueira terá un responsable que comunicará nas Oficinas Municipais, presentando a tal efecto o impreso que se facilitará nas oficinas de Secretaría (anexo ao presente Bando), indicando o responsable da queima, DNI, lugar da queima e comprometéndose a adopción das medidas de seguridade precisas, asinando o mesmo”. O prazo máximo para comunicar a queima será: Para as fogueiras de San Xoán ata as 14 horas do día 22 de xuño de 2026. E para as fogueiras de San Pedro ata as 12 horas do día 26 de xuño de 2026.
4º- A fogueira permanecerá vixiada ata a súa extinción. Ao finalizar, e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas, que deberá ser asegurada empapando os restos totalmente con auga.
5º- O responsable ou responsables e organizadores de cada fogueira encargaranse de retirar da vía pública todos os restos que queden unha vez rematada a queima
6º- Os organizadores atenderán as indicacións de Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e Bombeiros. O cumprimento destas normas será verificado polo persoal do Servizo de Extinción de Incendios e Protección Civil que, se é o caso, dará conta á Policía Local. En caso de incumprimento do indicado, ou de queixas xustificadas da veciñanza, procederase polo Servizo de Extinción de Incendios, e a requirimento da Policía Municipal, a sufocar de inmediato a fogueira.

