Do 29 de xuño ao 12 de outubro terá lugar unha nova edición do Mercado dos Domingos

Do 29 de xuño ao 12 de outubro terá lugar unha nova edición do Mercado dos Domingos, que foi presentado en Ribadeo.
A concelleira de Comercio e Promoción Económica, Marta Saiz, explicou que “como cada tempada, coa chegada do verán, retomamos o Mercado dos Domingos, que dará comezo o próximo día 29 na contorna da Praza de Abastos. Trátase dun mercado no que atoparemos produtos da nosa horta, poñendo en valor a economía máis próxima e potenciando o consumo dos produtos de tempada”.
O alcalde, Dani Vega, aludiu á importancia de atopar relevo xeracional na agricultura: “todas as administracións debemos xuntarnos para que moita mocidade observe que ser agricultor tamén pode ser un medio de vida”.
O rexedor subliñou que “o Mercado dos Domingos é un axente dinamizador, que axuda e impulsa a economía local e tamén o comercio da vila”. Convidou a achegarse desde este 29 de xuño a esta cita cos produtos de proximidade e felicitou á asociación A Sucadoira polo seu traballo.
Desde A Sucadoira a súa presidenta, Ana Díaz, e o secretario, Breogán Ermida, destacaron a fidelidade da clientela que cada mañá dominical se achega ao Mercado dos Domingos para mercar os produtos da horta: “a clientela responde moi ben, porque lle gusta o produto de proximidade”, dixo Díaz. Pola súa banda, Ermida fixo fincapé na calidade: “aquí poden atopar calidade, sabores de antaño e cousiña boa. Hai moi ambiente e moitas actividades como concertos, obradoiros de cociña, cociña de aproveitamento…”.
O Mercado dos Domingos, que está organizado pola Asociación de Produtores de Horta A Sucadoira e polo Concello de Ribadeo, terá lugar cada xornada dominical dende o 29 de xuño ata o 12 de outubro na contorna da Praza de Abastos en horario de 9 a 14 horas.

