Do 28 de xuño ao 11 de outubro terá lugar unha nova edición do Mercado dos Domingos, que se desenvolverá na contorna da Praza de Abastos de Ribadeo.

O 28 de xuño arrinca unha nova edición do Mercado dos Domingos, que se desenvolverá na contorna da Praza de Abastos de Ribadeo. Está organizado polo Concello en colaboración coa asociación de produtoras A Sucadoira.
O alcalde, Dani Vega, contou que “volven os Mercados dos Domingos, que darán comezo o 28 de xuño e se prolongarán ata o 11 de outubro no entorno da Praza da Abastos. O que queremos é seguir con esa vocación de aposta clara polos produtos de proximidade, polos produtos de calidade e desde logo todas estas persoas, todos estes produtores teñen un espazo que xa tradicionalmente teñen en Ribadeo”.
E tivo palabras de agradecemento para A Sucadoira: “agradecer á asociación a Sucadoira todo o traballo que está facendo conxuntamente co Concello e coa co Xunta, agradecer tamén á Xunta con ese impulso económico que tamén nos dá para facer actividades de promoción, de difusión e tamén de dinamismo do propio mercado e tamén agradecer a Área de Desenvolvemento Local, tanto a Silvia como a Marta, todo o traballo que están facendo conxuntamente coa Sucadoira”.
Vega subliñou: “empezamos outra vez con Mercado dos Domingos. Recordade que será de 9 a 14 horas na contorna da Praza de Abastos mercado de proximidade, mercado de calidade, Mercado dos Domingos en Ribadeo”.
O Mercado dos Domingos contará coa participación de 15 produtores e produtoras locais. A iniciativa converterá este espazo nun punto de encontro entre a veciñanza e o sector produtor da comarca, ofrecendo unha ampla variedade de artigos de proximidade e de elaboración artesanal.
Entre os produtos que se poderán atopar figuran os da horta, coitelería, setas, pan e outras elaboracións e propostas vinculadas ao territorio e á produción local.
O obxectivo desta acción é apoiar o tecido produtivo de proximidade, dinamizar a contorna da Praza de Abastos e fomentar hábitos de consumo responsables e sostibles, reforzando ao mesmo tempo a conexión directa entre produtores e consumidoras e consumidores.
Ademais da oferta comercial, o mercado contará con actividades de dinamización pensadas para complementar a experiencia de compra e contribuír a crear un ambiente atractivo, participativo e familiar arredor do produto local. Esta programación busca non só incentivar as vendas, senón tamén visibilizar a calidade, a diversidade e o valor engadido dos produtos de proximidade, así como o papel fundamental que desempeñan as pequenas produtoras e produtores na economía local.

