O alcalde, Dani Vega, subliñou que se trata dun investimento fundamental e prioritario para Ribadeo.

O rexedor explicou: “seguimos xestionando orzamento, seguimos avanzando e mellorando as nosas rúas, neste caso a Avenida de América, unha das entradas principais que ten Ribadeo. 350.000 euros é a inversión, estamos falando de que o 80% pono a Xunta de Galicia e o 20 % achégao o Concello de Ribadeo. Unha inversión moi importante, baixo unha planificación, primeiro foi xestionar o orzamento ante a Xunta e así non ter que pagar o 100% a obra, senón só o 20%. Segundo, planificar e mellorar por completo a rúa. Estamos falando daquelo que se ve, pero tamén daquelo que non se ve, saneamento e abastecemento. Iso garante que queden ben as obras, que haxa unha planificación para futuras melloras e inversións. Estou falando de que cando se renove todo o barrio de Cantalarrana, xa queda o conduto principal renovado na avenida da América. Novo saneamento, o novo abastecemento e tamén naquelo que se ve que vamos modernizar a rúa”.
As obras da Avenida de América contemplan unha rotonda de acceso ao novo centro de saúde: “primeiro, unha rotonda que vai dar servizo ao novo centro de saúde, novas beirarrúas mais accesibles e tamén nova iluminación, nova sinalización e evidentemente o novo pavimentado”, sinalou o alcalde ribadense.
Vega subliñou que “esta é unha inversión prioritaria, unha inversión fundamental e estratéxica, estamos falando dunha das entradas principais de Ribadeo, e evidentemente unha inversión baixo esa planificación. É dicir non sómente estamos actuando ou vamos actuar aí, senón que estamos tamén actuando na rúa Buenos Aires e tamén acabamos de mellorar e así quedou de ben a Rúa reinante”.
E engadiu: “nestes tres anos levamos moita inversión xa na mellora das nosas rúas e queda moito por facer e polo tanto nesa liña vamos seguir. Son 350.000 euros de xestión feita ante a Xunta de Galicia, seguimos nesa planificación, seguimos mellorando e evidentemente xa traballando para o futuro, é dicir, Ribadeo avanza”.

