Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia asinaron o convenio para a mellora da rúa dos Galos.

Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia asinaron o convenio para a mellora da rúa dos Galos. O investimento ascenderá a máis de 90.000 euros.
O alcalde, Dani Vega, contou que “hoxe firmamos o convenio coa Xunta de Galicia, máis de 90.000 euros de inversión, para arranxar a rúa dos Galos. Poñemos fin a unha tramitación administrativa, á redacción do proxecto, solicitude do convenio e agora xa a firma do convenio para iniciar toda a tramitación de licitación e despois a adxudicación das obras”.
Para o rexedor trátase “dunha mellora moi necesaria, que precisa todo este barrio, toda a rúa dos Galos, unha vía de comunicación que está destrozada, sentímolo e pedimos disculpas, pero todo de golpe non se pode facer, e o que fixemos foi rapidamente solicitar un convenio e tamén redactar o proxecto. Isto leva un tempo, pero evidentemente a vocación era clara de mellorar a rúa Os Galos, vai quedar francamente ben, unha mellora importantísima para que convivan o tráfico rodado e o peonil e evidentemente esta vía de comunicación, que é unha saída directa a autovía, necesita esa mellora e así vámola ter”.
Vega tivo palabras de agradecemento para a administración autonómica: “moitas grazas á Xunta de Galicia outra vez por esta colaboración, por este novo convenio para arranxar unha das rúas tamén importantes, desde un punto de vista da comunicación, entre autovía e o centro da vila. Seguimos traballando, seguimos xestionando o orzamento, que é o importante para que siga Ribadeo avanzando, facendo melloras, e evidentemente estes 90.000 euros supoñen a garantía da renovación de toda esta rúa dos Galos”.

