Concello de Ribadeo e Universidade de Santiago mantiveron unha xuntanza de traballo para analizar novas colaboracións entre ambas institucións.

Concello de Ribadeo e Universidade de Santiago mantiveron unha xuntanza de traballo para analizar novas colaboracións entre ambas institucións.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, contou que “onte estivo en Ribadeo a rectora da USC Rosa Crujeiras. Despois da presentación das Xornadas Mar por Medio, na que a USC colabora, a rectora asinou no libro de honra do Concello. O alcalde e máis eu mantivemos unha reunión de traballo con ela para ver outras colaboracións ademais das Xornadas Mar por Medio. Estas poden ser o Programa A Ponte, actividades de 4º ciclo ou universidade senior, achegamento das investigacións á poboación en xeral ou tamén colaboracións culturais coa orquestra, co coro ou coa aula de teatro da USC, por exemplo”.
A edil ribadense explicou que “comezaremos a traballar para que algunhas se fagan realidade en breve. Para rematar a xuntanza achegámonos á rúa Ramón González a ver como ía finalizándose o mural dedicado a Manuela Barreiro, primeira muller licenciada na USC”. O mural será inaugurado mañá, venres.
A rectora da USC, Rosa Crujeiras, indicou que “mantivemos unha xuntanza de traballo no Concello de Ribadeo co alcalde, con membros do seu equipo, e a verdade é que pensamos que foi unha xuntanza moi proveitosa tamén para Universidade de Santiago de Compostela. Na xuntanza puxemos en común varias iniciativas que a nós como Universidade nos permiten achegar a nosa actividade á sociedade e tamén contribuír a que o coñecemento saia das nosas aulas”.
E engadiu: “creo que podemos poñer en marcha moitas iniciativas interesantes para o pobo de Ribadeo e aí estaremos iniciando os traballos nestes meses”.

