Comezaron en Ribadeo os campamentos de verán co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar.

Comezaron en Ribadeo os campamentos de verán, organizados polo Concello, co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar. Foron 280 inscritos, dos que 210 participan en diferentes quendas no que se desenvolve no Ceip Gregorio Sanz e 70 viaxan ao albergue de Allariz, en Ourense. Esta programación conta co respaldo do Plan Corresponsables, que está cofinanciado pola Consellería de Política Social e igualdade e polo Ministerio de Igualdade.
O concelleiro de Mocidade, Francisco José Silvent, subliñou: “estamos moi contentos coa acollida que tivo esta programación. É unha proposta que responde ao compromiso municipal de ofrecer espazos seguros, inclusivos e educativos que contribúan ao desenvolvemento integral da rapazada, promovendo ao mesmo tempo a conciliación das familias durante o verán”.
O edil ribadense lembrou que “as actividades están dirixidas a nenos, nenas e mocidade do municipio, ofrecendo alternativas de lecer educativo durante o período estival. No caso das colonias urbanas, desenvólvense en cinco quendas entre finais de xuño e finais de xullo, cun horario adaptado ás necesidades das familias, incluíndo servizo de conciliación desde as 8:00 ata as 15:00 horas. O programa inclúe actividades deportivas, xogos en grupo, xincanas, propostas creativas e excursións, así como iniciativas específicas para o alumnado de maior idade, como saídas a parques acuáticos e noites de convivencia”.
E engadiu: “pola súa banda, os campamentos en Allariz permitirán á mocidade vivir unha experiencia de convivencia en contacto coa natureza, reforzando valores como a autonomía, o traballo en equipo e a igualdade”.

