Coa presentación do Decálogo Local pola Corresponsablidade remataron en Ribadeo as Xornadas Profesionais nas que se deron cita medio cento de persoas.

Coa presentación este mediodía do Decálogo Local pola Corresponsablidade remataron en Ribadeo as Xornadas Profesionais nas que se deron cita, onte e hoxe, medio cento de persoas.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, fixo unha valoración positiva e apostou “por reflexionar de que o coidado é unha capacidade humana que temos todas e todos, homes e mulleres, non é so unha capacidade feminina”. A edil ribadense dixo que “as mulleres dedícanse máis aos coidados, pero é algo cultural. A cultura pódese cambiar”.
Sanjurjo subliñou que “estaremos en igualdade de condicións cando compartamos o descanso, non cando so compartamos o traballo. Compartir os coidados, compartir os traballos fai que compartamos tamén descanso e o tempo de ocio, o benestar e a calidade de vida e iso é o que todos queremos”.
Hoxe pasaron polas Xornadas Profesionais de Corresponsablidade as activistas feministas e creadoras de contido social Towanda Rebels, que falaron de cambiar os relatos para cambiar os coidados. E houbo tamén unha mesa redonda, que contou con representantes de FAGAMOS e ACOUGO, que abordou a necesidade de coidar en común.
Begoña Sanjurjo agradece “a asistencia a estas xornadas coas que o que pretendemos é crear conciencia e que as cousas vaian cambiando ata chegar á total igualdade e corresponsabilidade nos coidados. É o que todos e todas queremos, unha sociedade xusta e igualitaria”.


