Cincuenta mulleres viaxaron onte ao balneario de Ferreira de Pantón e visitaron o Mosteiro de Samos.

O Concello de Ribadeo, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organizou este pasado domingo, 31 de maio, unha xornada de convivencia e benestar dirixida ás mulleres do municipio, na que participaron un total de 50 asistentes.
A actividade incluíu unha visita ao balneario de Ferreira de Pantón. A xornada discorreu nun ambiente de participación, convivencia e desfrute.
Ademais, durante a viaxe de regreso, o grupo realizou unha parada en Samos, onde tivo a oportunidade de visitar o Mosteiro de San Xulián. Guiadas por un monxe beneditino, as asistentes puideron coñecer a historia e singularidade do conxunto monástico, destacando especialmente o seu claustro de estilo neoclásico, considerado o máis grande de España.
A serenidade do lugar, o frescor dos seus espazos interiores e o ambiente de calma que se respiraba contribuíron a poñer o broche final a unha xornada centrada no benestar e autocoidado.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, fixo un balance positivo da actividade: “moi agardada todos os anos polas mulleres de Ribadeo, que deixan a un lado o seu día a día, para centrarse, para centrarnos, en nós mesmas”.

