A proxección e votación será o xoves 8 de agosto, ás 20h, no Cine de Ribadeo. A Gala Final, o venres 9, ás 20h, no Cine Teatro de Ribadeo.
Consolidado xa coma unha das grandes datas da cultura cinematográfica da Mariña Lucense, o Festival de Cine Curto de Ribadeo volve coa súa terceira edición neste mes de agosto, mantendo a iniciativa orixinal de achegar ao público o mundo da curtametraxe e seleccionar traballos relacionados cos cineastas e profesionais da zona.
Na segunda edición, a curtametraxe “Nena”, do actor e humorista Xosé Antonio Touriñán e o director Jairo Iglesias, resultara o traballo más votado e recibira o Premio do Público. Ademais, otorgárase a Mención do Xurado á curtametraxe “Sandwich Cat”, de David Fidalgo. Este ano, oito novas curtametraxes, todas recentes, vencelladas coa nosa zona e de xéneros variados, competirán polo Premio: “Segunda”, de Anita Pico; “Pathos”, de Andrea Noceda; “Histeria do meu pequeno mundo”, de Pablo Fontenla; “Alicia fai cousas”, de Ángel Santos; “Vellamorta”, de Juan Galiñanes e Andrea Bouzo; “Los domingos que quedan”, de Manolo Pavón; “Trastos: un día normal na vida de Persoa Maceta Lámpada”, de Javier Blanco Armada, e “Esto no es Noruega”, de Alicia Albares e Paco Cavero.
Dende a organización do Festival, animan ao público a asistir a ambos eventos, xa que cada un ofrecerá unha parte distinta da experiencia dun festival de cine e, ademais, a entrada é gratuita.
A primeira data, a proxección e votación do público asistente, o xoves 8 de agosto ás 20 h no Cine de Ribadeo, será o único dos dous días que se poderán ver e puntuar as oito curtas seleccionadas, presentadas alí mesmo polos seus autores. A segunda data obrigada será a Gala Final, o venres 9 ás 20 h no Cine Teatro de Ribadeo. Nela, o padriño desta edición e recente gañador do Festival, Xosé Antonio Touriñán, actor, humorista e director, fará entrega do Premio do Público e da Mención do Xurado. Ademais, nesta Gala, a cantante e compositora Belém Tajes, ex-integrante do grupo Luar na Lubre e autora da banda sonora da curtametraxe gañadora do ano pasado, ofrecerá unha actuación.
Este Festival, promovido pola compositora ribadense Carme Rodríguez, en colaboración con Gloria González, Mónica Arnanz e Sergio García-Ramos, está financiado polo Concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia, e conta coa axuda do Hotel Voar e a asociación As Vacas Fracas. Esta é unha iniciativa cultural pioneira e diferente na nosa zona, que quere poñer en valor os traballos dos departamentos do cine máis invisibles, pero sempre imprescindibles, e que trata de facer chegar ao público xeral o formato da curtametraxe, ás veces descoñecido, no que se atopan os grandes talentos do futuro e do presente, respondendo sempre a este lema: aquí tamén se fai cine.