A edil nacionalista sinalou que “con esta primeira festa o que pretendemos é, como o nome di, ter unha festa arredor da historia dos indianos, pero a isto gustaríanos que se lle sumase e se fose aproveitando o espazo e a historia para ir poñendo en valor todo o legado, todo o patrimonio, toda a historia que arredor dos indianos temos en Ribadeo”.

Segundo Ana Martínez as expectativas son moi boas: “eu penso que a xente pola rúa está cun ánimo bastante grande, teñen ilusión con todo este tema dos indianos. Hai unha pregunta que me fan nestes días moitos medios, que é de quen foi a idea. Paréceme que a idea está en cada un dos ribadenses. Penso que esa identidade que temos cos indianos é moi importante para que isto saia adiante. Sempre di Begoña, a nosa técnica de turismo, que quen non ten un indiano na súa familia en Ribadeo. Isto tan arraigado é parte do que nos está levando a que a xente se sinta identificada e participe. A idea é un pouco de todos, pero Acisa e o Concello xuntos levamos varios meses traballando para intentar sacar adiante esta idea e a verdade é que está sendo un traballo magnífico, unha experiencia fabulosa e esperamos que isto se manteña e se siga levando adiante porque é a maneira de facer cousas todos xuntos e traballar por Ribadeo”.

Sobre o programa de actividades previstos para mañá e para o sábado, 12 de xullo, a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo indicou que “arrancamos mañá con esa charla e logo xa haberá unha visita guiada, un pregón que será dado por un persoeiro que é o que vai guiando a historia dos indianos no facebook e na páxina web, que é Don Pancho, que será o protagonista mañá, venres, co pregón. É un persoeiro inventado que o aproximamos a esa parroquia tan importante no tema indiano como é A Devesa. Realmente Don Pancho forma parte desa identidade de tódolos indianos que partiron de Ribadeo, pero que concretamente da parroquia da Devesa temos que destacar a súa importancia. Temos que agradecer a participación tanto da coral como da banda municipal de música de Ribadeo que actuarán para acompañar ao pregón”.

Haberá música, teatro, un mercado de produtos de ultramar e a recreación dunha verbena da época. Esta última actividade servirá para poñer o sábado pol noite o punto final á primeira festa indiana que se celebra en Ribadeo. A programa atópase colgado na web http://www.ribadeoindiano.com/ e tamén no perfil de facebook deste evento.

Ana Martínez engadiu que “polo que estamos percibindo polos medios de fóra e polas chamadas que recibimos na oficina de turismo e tendo en conta que é a primeira festa indiana de Galicia, polas referencias que estamos a ter, cremos que realmente isto, aparte de ser unha festa, unha recuperación patrimonial, histórica e cultural, é un produto turístico máis co que pretendemos que moitos máis visitantes se acheguen cara ao noso concello a gozar do comercio, da hostalería e do que é en si a vida ribadense”.

Ir o contido