A Concellería de Cultura presenta a programación da Axenda Cultural do cuarto trimestre

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, presentou hoxe a Axenda Cultural de outono-inverno, que recolle unha ampla programación de actividades para os meses de outubro, novembro e decembro, dirixidas a todos os públicos e repartidas por diferentes espazos de Ribadeo e das parroquias.
“Preparamos unha axenda diversa para este último trimestre do ano, pensada para chegar a toda a veciñanza, desde o público infantil ata o adulto, e que combina teatro, música, literatura, exposicións e obradoiros. Queremos que Ribadeo siga sendo un referente cultural na comarca e que cada trimestre a cidadanía poida gozar de novas propostas de calidade”
Durante o mes de outubro, destacan as representacións teatrais da XXII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, da que xa desfrutamos a pasada fin de semana os Seráns de teatro nas escolas das parroquias, e diversas actividades na Biblioteca “El Viejo Pancho”, como o Certame de Microrrelatos Ilustrados Ano Castelao 2025 e a conmemoración do Día da Biblioteca. Este venres presentamos o libro Bon proveito, Amiguiños que retrata 90 anos de Radio en Lugo.
O mes de novembro chega con novas propostas escénicas e musicais, como o musical Las diosas del K-pop, o espectáculo infantil Rosalía, a pulga que escribía, o Festival de Jazz, e as Xornadas arredor da Ría de Ribadeo, dentro do programa Ribadeo Cara ao Mar. A música será protagonista na festividade da súa patroa Santa Cecilia, con concertos da banda municipal e da coral polifónica. Ademais, a Biblioteca acollerá presentacións literarias e encontros culturais con autores galegos e nacionais. O penúltimo día do mes Amigos da Gaita celebrará o magosto e o último día teremos no teatro o espectáculo Na casa delas, no que o cuarteto Son de Corda xunta música e poesía.
Xa en decembro, seguiremos gozando do teatro, do Festival de Jazz e tamén teremos un concerto solidario de Gospel coa formación africana Aba Taano.
A programación cultural vestirase de Nadal co Festival da Escola Municipal de Música e Danza, concertos de panxoliñas, o espectáculo Aquí como en Viena da Banda Municipal, e a Festa pre-fin de ano Vendaval Fest no Campo de San Francisco, que porá o broche festivo á tempada.
“Queremos agradecer a participación das asociacións culturais, da Escola de Música e Danza, da Biblioteca, que fan posible unha axenda tan viva e participativa. A cultura é unha ferramenta esencial para a cohesión social e para o benestar da nosa comunidade”.
A Axenda Cultural do 4º trimestre pode consultarse en formato dixital na web do Concello e nos taboleiros informativos dos espazos municipais.
Vémonos nos espazos culturais.

