Ata o 18 de setembro está aberta a inscrición nas XX Xornadas Mar por Medio, que se celebrarán en Ribadeo do 19 ao 21 deste mes

Onte presentouse no Pazo da Cultura de San Roque de Santiago, sede da Secretaría Xeral da Lingua, o programa das XX Xornadas Mar por medio, que se celebrarán no Concello de Ribadeo os días 19, 20 e 21 e setembro de 2025.

Tomaron a palabra Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, que patrocina o evento; Dani Vega alcalde de Ribadeo: Marcelino Agís, presidente da Academia Xacobea e Xesús Palmou, presidente fundador e actualmente presidente de honra da academia.

Trátase dunha edición moi especial ao cumprirse 20 anos desde que o hispanista británico John Rutherford promoveu a organización destas xornadas en Ribadeo. Logo dunha paréntese, desde hai catro anos están organizadas pola academia Xacobea, reforzando a tradición e vocación xacobea de Ribadeo, unha vila acolledora e que promove gran cantidade de eventos culturais, segundo salientou o alcalde.

Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua destacou o alto nivel académico e científico das xornadas, que este ano reforzan un dos valores do Camiño de Santiago, a súa capacidade para o encontro cultural e persoal dos que chegan a Galicia atraídos polo fenómeno xacobeo.

Ademais das actividades académicas destacan os actos musicais e lúdicos integrados no programa: O concerto de Manoele de Felisa, ao finalizar a sesión do venres; o da Coral Polifónica de Ribadeo ao finalizar a tarde do sábado e o Roteiro Cultural “Tras os pasos da Orde Franciscana”, que comezará ás 10 da mañá do domingo.

A inscrición nas xornadas está aberta na páxina web da Academia Xacobea entre os día 8 e 18 de setembro.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, anima “a participar nesta edición especial das Xornadas Mar por Medio, que nos achegarán á importancia do Camiño de Santiago, que atravesa o noso concello”.

Ir o contido