As rúas de Ribadeo ateigáronse de xente para presenciar o Desfile do Antroido.

As rúas de Ribadeo ateigáronse de xente para presenciar o Desfile do Antroido.
Partiu ás cinco e media da tarde da Avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas da vila: San Roque, Luz Pozo, Avenida de Galicia, José Vicente Pérez Martínez, Avenida de Asturias e Clemente Martínez Pasarón para rematar nas inmediacións do Concello. En total foron preto de 2.000 persoas as que desfilaron e encheron de cor, música e humor esta tradicional cita do Antroido ribadense.
O alcalde, Dani Vega, fai unha valoración moi positiva: “Ribadeo encheuse de xente para gozar do desfile, houbo preto de 2.000 participantes, repartimos 6.000 euros en premios e o tempo acompañou. A xornada resultou redonda”.
A vindeira cita será o sábado, 21 de febreiro, coa Queima do Antroido “coa que poñeremos o broche final ao Antroido 2026”.

