A Ría de Ribadeo, protagonista dunhas xornadas que analizarán o seu valor social, ambiental e turístico.

O Concello de Ribadeo organiza este fin de semana, do 13 ao 16 de novembro, as “Xornadas arredor da Ría de Ribadeo”, un encontro divulgativo enmarcado no programa “Ribadeo cara ao Mar”, que pretende poñer en valor a riqueza natural, cultural e social da ría, promovendo un diálogo entre ciencia, historia e futuro sostible.
Durante catro días, desenvolverase un completo programa con xeorrutas, visitas guiadas, conferencias, actividades de avistamento de aves, degustacións e un paseo en barco, cun obxectivo claro: difundir a importancia da ría como espazo vivo, símbolo de identidade e motor de desenvolvemento local.
Entre os temas que se abordarán destacan o papel da ría como porto comercial estratéxico, a súa biodiversidade, a identidade compartida entre Galicia e Asturias, a conservación ambiental e o turismo sostible. Pechará o encontro unha mesa redonda sobre os retos de futuro e a economía azul, coa participación de representantes institucionais e expertos en xestión turística.
O evento está dirixido ao público xeral, pero tamén a profesionais e persoas interesadas no turismo responsable, a conservación da natureza, o patrimonio social e a economía do mar, como biólogos, docentes, empresarios do sector turístico ou estudosos do litoral cantábrico.
As inscricións son gratuítas e poden formalizarse en turismoribadeo.gal, onde está dispoñible o programa completo.
O proxecto “Ribadeo cara ao Mar” busca poñer en valor o patrimonio marítimo e cultural do municipio a través de accións divulgativas e dixitais. Conta cunha axuda tramitada perante o GALP A Mariña-Ortegal e aprobada pola Consellería do Mar, no marco do FEMPA 2021-2027, cofinanciada pola UE e a Comunidade Autónoma de Galicia.

