A Praza 8 de Marzo acolleu Tecendo en Igualdade, a proposta do Concello de Ribadeo para conmemorar o 25N.

A Praza 8 de Marzo acolleu Tecendo en Igualdade, a proposta do Concello de Ribadeo para conmemorar o 25N.
Alí a avogada do CIM, Montse González, e a concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, interviñeron ante os asistentes. A edil ribadense dixo que “as cifras non poden quedar nunha estatística. Cada caso representa unha vida truncada, unha contorna familiar afectada e unha chamada de atención sobre a necesidade de reforzar a prevención, a detección temperá, a protección e a atención integral. A erradicación da violencia machista require actuar sobre as súas causas: a desigualdade estrutural, os estereotipos sexistas, o control nas relacións afectivas e os discursos que minimizan ou xustifican a violencia. A prevención debe prestar especial atención á mocidade e ás novas formas de violencia dixital e sexual, promovendo relacións baseadas non respecto, no consentimento, na liberdade e no bo trato”.
Begoña Sanjurjo explicou: “temos diante unha árbore da vida coa que queremos lembrar a todas as vítimas e que está decorada con mandalas, obras de crochet ou tapetes de ganchillo, como queiramos chamarlles, feitas por diferentes asociacións e polo alumnado dos centros escolares que puxeron a súa creatividade e as súas mans, de homes e de mulleres, de nenos e nenas para converter estas árbores mortas en árbores de vida. Se vos fixades a creatividade e a igualdade foi tanta que unhas cantas obras voaron e quixeron engancharse ás ventás do teatro para espallar a nosa mensaxe máis lonxe”.
Participaron na creación deste árbore da vida as asociacións de Amas de Casa e Mulleres Rurais, así como o Centro de Día, e alumnados dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón e do CIFP Porta da Auga.
E engadiu: “a igualdade entre homes e mulleres é como un tecido que construímos entre todos e todas. Cada persoa é un fío diferente, coa súa propia cor, a súa propia historia e a súa propia forma de ser. Pero, cando unimos estes fíos, podemos crear algo moito máis bonito, forte e valioso. Tecer igualdade significa aprender a respectarnos, aceptar as nosas diferenzas e entender que ningún fío é máis importante que outro. Porque, se un fío se rompe ou queda fóra, o tecido perde forza”.
Varias foron as actividades que se desenvolveron ao longo dos últimos días nos centros de ensino. Montse González indicou que “desde o CIM de Ribadeo realizamos a xincana Caso 016 co alumnado de 1.º e 2.º da ESO, unha actividade de sensibilización para reflexionar sobre a violencia de xénero e as súas diferentes manifestacións. A través de probas e retos, os rapaces e rapazas traballaron cuestións como o control nas relacións, a violencia dixital, o respecto e a importancia de construír relacións saudables. A actividade rematou coa elaboración de mensaxes de apoio e reflexión. Unha maneira diferente de aprender, participar e tomar conciencia”.
E contou que “tamén levamos os contos de Botiboti, dende as alturas aos centros de ensino. Estivemos no Gregorio Sanz e no Sagrado Corazón nunha actividade na que participamos a avogada e a psicóloga do CIM e que contou coa colaboración de Marco Tripiana, creador e ilustrador de Botiboti, encargado de contar a historia ao alumnado. A través deste conto abordamos a violencia machista no ámbito familiar e as consecuencias que pode ter tamén nas fillas e nos fillos, incluída a violencia vicaria, achegando esta realidade á infancia dun xeito sensible e adaptado á súa idade”.

