A Pancha 2026 comeza este domingo con máis de 80 establecementos adheridos e reforza a rede do comercio local de Ribadeo.

Texto da nova.
Titular destacado e centrado.

O Concello de Ribadeo destaca a boa acollida da nova edición de A Pancha, a moeda local, que conta con máis de 80 establecementos adheridos e que comezará este domingo, 1 de novembro, cunha nova campaña destinada a fomentar o consumo de proximidade e dinamizar a actividade económica do municipio.
A iniciativa, impulsada pola Área de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio do Concello de Ribadeo, busca incentivar as compras no comercio polo miúdo, na hostalaría, no sector turístico e nos servizos locais, favorecendo que o gasto permaneza en Ribadeo e contribúa ao mantemento e fortalecemento do tecido económico municipal.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, sinalou que “a participación de máis de 80 establecementos constitúe unha mostra da implicación do empresariado local con esta iniciativa e permite ofrecer á cidadanía unha ampla rede de negocios nos que empregar as Panchas durante o período de vixencia da campaña”.
A edil ribadense subliñou que “esta edición conta cun orzamento municipal de 65.000 euros destinados a subvencionar as compras, cunha achega do 25% do importe das adquisicións realizadas polas persoas participantes. Deste xeito, por cada 30 euros achegados, a persoa usuaria recibe 10 euros adicionais en Panchas, ata un máximo de 100 euros de subvención por persoa beneficiaria”.
As persoas maiores de 18 anos poderán adquirir as súas Panchas a través da plataforma dixital www.pancharibadeo.gal, para utilizalas nos establecementos adheridos entre o 1 de novembro e o 28 de decembro de 2026, de acordo coas condicións establecidas nas bases da convocatoria.
Desde o Concello de Ribadeo “agradecemos a implicación dos establecementos participantes e animamos á veciñanza a sumarse á campaña desde este domingo, realizar as súas compras nos negocios locais e aproveitar esta iniciativa para apoiar o comercio, a hostalaría e o conxunto da actividade económica de proximidade. A Pancha é unha aposta polo comercio de Ribadeo, polo emprego e pola economía local. Cada compra conta e contribúe a manter vivo o noso tecido económico”, engadiu Marta Saiz.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “achégase unha época de moito consumo, de compra de moitos agasallos, de celebracións cos amigos e compañeiros de traballo… a moeda local de Ribadeo podemos empregala en máis de 80 negocios locais tanto de comercio como de hostalería, este é un bo momento para aproveitar ese importante desconto nestas datas”.
E engadiu: “estamos moi satisfeitos coa participación nesta campaña das Panchas, que chega á súa oitava edición, xa que o setenta e cinco por cento dos negocios adheridos son socios de Acisa Ribadeo. E estamos moi contentos de colaborar co Concello un ano máis nesta consolidada cita”.

