A Obra de Alex Dávila Moure foi a gañadora do II Concurso de Arte Mural pola diversidade, organizado polo Concello de Ribadeo.

Ducias de persoas asistiron este mediodía en Ribadeo aos actos organizados pola Área de Igualdade para celebrar o Día do Orgullo LGTBI. Houbo Festa Holi con sesión vermú amenizada por Eris Mackenzie. No parque de San Francisco estiveron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras de Benestar Social e Igualdade, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, e a avogada do CIM, Montse González.

Desde o Concello de Ribadeo fan unha valoración moi positiva da xornada: “coa campaña que desenvolvemos nas últimas semanas e coas actividades programadas buscamos construír unha vila máis diversa, respectuosa e orgullosa da súa pluralidade”.

Durante a fin de semana ondeou no Paz de Ibáñez a bandeira LGTBI.

Desde a Concellería de Igualdade agradecen “a todas as persoas que se achegaron e compartiron connosco esta xornada. Un agradecemento moi especial a Eris Mackenzie, que puxo música á celebración cun magnífico concerto que fixo gozar ao público e contribuíu a facer desta unha mañá inesquecible. O noso agradecemento tamén a todas as persoas, entidades e establecementos que colaboraron na organización das diferentes actividades e, moi especialmente, a ACISA e aos establecementos que participaron no sorteo Completa a bandeira do Orgullo. Queremos facer un agradecemento especial a Bora Bora, Galán, Bodegas Ribeirao, Artesanía A Esgalla, Pan de Limón, Aware Cakes e 2Barbers, pola súa xenerosidade e por colaborar cos agasallos entregados durante a celebración”.

Durante o acto deuse a coñecer o fallo da II edición do Concurso de Arte Mural pola Diversidade. O xurado decidiu outorgar o primeiro premio a Alex Dávila Moure, cuxa obra será plasmada no ascensor panorámico do paseo marítimo; o segundo posto foi para Inés Garrán Suárez; e o terceiro para David Rodil Fernández.

Desde a Concellería de Igualdade engaden: “parabéns ás persoas participantes pola calidade das súas propostas e por contribuír, a través da arte, a visibilizar e defender a diversidade. Seguimos traballando por unha vila onde todas as persoas poidan vivir libres, visibles e orgullosas de ser quen son”.

Ir o contido