A novena edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo, terá lugar o 9 de maio.

A novena edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo coa colaboración da Xunta de Galicia, terá lugar o 9 de maio.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, dixo que “xa está en marcha a novena edición dos Cantos de Taberna, unha nova edición dunha actividade que segue mantendo ao longo dos anos moi boa acollida por parte do sector, polos grupos e polo público en xeral”.
A edil ribadense contou que se trata “dun evento que nace para impulsar Ribadeo como destino de visita e animar ao consumo en tempada media baixa. Ribadeo sempre tivo moita cultura de cantar polos bares e aproveitando esa sinerxia seguimos a promover esta actividade”.
Saiz subliñou que “este ano os Cantos de Taberna serán o 9 de maio a partir das oito da tarde. A inscrición estará aberta ata o 30 de abril a través do correo electrónico cantosdetaberna@ribadeo.gal”
A concelleira de Comercio e Turismo engadiu: “animamos ao sector hostaleiro a participar, a grupos, veciños e visitantes a saír gozar dun serán diferente”.

