A empresa Mahía ven de presentar no rexistro do Concello unha reclamación en concepto de responsabilidade patrimonial por importe de 15.700.000 euros, segundo acaba de anunciar o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor asegura que este é un problema herdado da época de goberno socialista. Segundo declarou “daquela o alcalde e o seu grupo aprobaron de xeito inicial cos seus votos, e cos votos en contra do BNG e a abstención do PP varios convenios urbanísticos que no seu momento xa se apuntara que supuñan un crecemento absolutamente desproporcionado para Ribadeo”.
Suárez Barcia engiu que despois daqueles cinco convenios viñeron outros dezasete, pero, posteriormente, a Dirección Xeral de Urbanismo dixo que este tipo de crecementos “eran inadmisibles”.
Medidas xurídicas
O alcalde recoñece unha certa preocupación por esta reclamación de responsabilidade patrimonial. Asegurou que a súa intención e a do resto da corporación é defender os intereses do Concello. “Imos procurar todos os recursos xurídicos e legais que estean ao noso alcance para impedir que isto poida chegar a ter unha repercusión económica negativa para o Concello de Ribadeo” sostivo. Fernando Suárez lembrou que os convenios se aprobaron “inicialmente, non definitivamente” e que non se chegaron a incorporar ao planeamento aprobado hai uns meses e consensuado por todos.
O rexedor cre que hai que poñer todas as medidas xurídicas ao alcance para evitar que se utilicen as institucións para beneficiar intereses privados. Tamén especifica o perigo destas manobras para os ribadenses. “A edificabilidade que pretendía a empresa Mahía deixaría nunha sola empresa máis de 80.000 metros cadrados de edificabilidade que se lles quitaría aos veciños de Ribadeo” di. Fernando Suárez agarda que todo isto “quede nunha anécdota de mal gusto”.