A Cabalgata de Reis de Ribadeo sairá ás seis da tarde da rúa Clemente Martínez Pasarón.

A Cabalgata de Reis de Ribadeo sairá ás seis da tarde da rúa Clemente Martínez Pasarón.
A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, explicou que “as súas Maxestades de Oriente sairán nas súas carrozas desde a rúa Clemente Matínez Pasarón para percorrer acompañados de todo o seu séquito as principais rúas de Ribadeo: Villafranca del Bierzo, Rodríguez Murias, San Roque, Virgen del Camino, Avenida de Galicia, José Vicente Pérez Martínez, Avenida de Asturias e Clemente Martínez Pasarón, para rematar na Casa do Concello”.
A edil ribadense dixo que “unha vez rematado o percorrido Melchor, Gaspar e Baltasar dirixiranse ao balcón do Pazo de Ibáñez para saudar aos presentes. E xa despois será cando se trasladen ao Salón dos Alcaldes para recibir a todas as nenas e os nenos que queiran achegarse a velos e a facer fotos con eles”. E subliñou: “pedímoslles aos papás, ás mamás e aos avós que para acceder ao Concello atendan ás indicacións das persoas que atoparán en todo momento dispostas a axudarlles e a informalos. A entrada será pola porta principal e a saída desde o Salón dos Alcaldes pola porta lateral”.
Marta Saiz engadiu: “a previsión do tempo non é moi boa para o día de hoxe, agardamos que a chuvia nos respecte e que os Magos de Oriente e o seu séquito poidan realizar todo o percorrido. Si houbese que realizar algún cambio iremos informando a través das redes sociais do Concello de Ribadeo”.
Os Reis Magos chegaron xa a Ribadeo, onde visitaron o Centro de Día e a residencia. E un grupo de alumnas e alumnos de Vírgula cantoulles os Reis aos residentes no Centro de Atención a Persoas Maiores (residencia).

