A Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo foi distinguida co Premio María Moliner de Animación á Lectura.

A Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo foi distinguida co Premio María Moliner de Animación á Lectura 2026 polo proxecto A biblioteca en acción: ler, crear e compartir, un programa que aposta por unha biblioteca activa, aberta e participativa, entendida como un espazo de encontro, acceso á cultura e promoción da lectura.
O proxecto desenvolveuse de forma continuada, a través dun conxunto de actividades dirixidas a diferentes idades e colectivos. Entre as propostas desenvolvidas incluíronse clubs de lectura, actividades de animación á lectura para público infantil e xuvenil, obradoiros, presentacións de libros, encontros con autores e autoras e outras actividades culturais, buscando fomentar a participación e achegar a biblioteca á cidadanía.
Neste sentido, o proxecto procurou tamén reforzar a relación da biblioteca cos centros educativos, entidades culturais e sociais e outros axentes da comunidade, ampliando os públicos e creando novas oportunidades de participación.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, salientou que “A biblioteca en acción: ler, crear e compartir representa unha forma de entender a biblioteca como un espazo vivo, no que ler, crear, compartir e participar” e destacou “a importancia de desenvolver actividades ao longo de todo o ano e non unicamente de maneira puntual”.
Para a edil de Cultura “o premio recoñece o traballo continuado da Biblioteca Municipal e a súa capacidade para achegar a cultura á sociedade”. Sanjurjo engadiu que “recibir este recoñecemento do Ministerio por terceiro ano consecutivo amosa que imos polo bo camiño e incentívanos a seguir adiante”.
A dotación económica do premio, 2.777,77 euros, será destinada á adquisición de novos fondos bibliográficos, permitindo ampliar e actualizar a colección da Biblioteca Municipal El Viejo Pancho e poñendo novos recursos á disposición da cidadanía.
Desde a Biblioteca e o Concello de Ribadeo queren agradecer a colaboración de todos os sectores que fan posible este tipo de programación: centros educativos, entidades culturais e sociais, autores e autoras, participantes nos clubs de lectura e, especialmente, de todas as persoas usuarias da biblioteca que participan nas actividades e contribúen a manter vivo este espazo.

