A axenda cultural do Concello de Ribadeo para o primeiro trimestre do ano inclúe máis de 30 actividades.

Axenda cultura primeiro trimestre 2026 Ribadeo

A axenda cultural do Concello de Ribadeo para o primeiro trimestre do ano inclúe máis de 30 actividades. A programación foi presentada pola concelleira Begoña Sanjurjo. 

A edil ribadense declarou: “presentamos a axenda cultural do primeiro trimestre do 2026, unha programación ampla, diversa e pensada para todos os públicos, que converte a cultura nun eixo central da vida social do noso concello. Durante este trimestre do ano, Ribadeo acollerá máis de trinta actividades culturais que abranguen teatro, maxia, música, literatura, conferencias, actividades infantís e exposicións, con escenarios como o Cine Teatro, o Auditorio Municipal Hernán Naval, a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, a Igrexa Parroquial ou a Casa do Mar”.

A concelleira de Cultura dixo que “seguimos apostando por unha programación equilibrada, que combina propostas de creación local e galega con espectáculos de recoñecido prestixio, sen esquecer á infancia nin ás familias. E como sempre agradecer e destacar o papel fundamental das asociacións culturais do municipio, cun traballo constante que enriquece e complementa a oferta cultural municipal”.

Begoña Sanjurjo lembrou que “a axenda arrincou en xaneiro con concertos tan sinalados como o de María do Ceo e a Coral Polifónica en Reis, presentacións literarias, obras de teatro e espectáculos familiares como Aladin ou El Mago de Oz. Este mes rematámolo con maxia”.

A concelleira contou que “en febreiro destaca a celebración do Entroido e da Queima do mesmo, pero o público tamén poderá gozar de teatro, coa obra De algo hai que morrer, máis maxia con Marcos Waldemar, actividades infantís con Mestras de Conto e citas culturais vencelladas á reflexión social e á conmemoración do Día de Rosalía da man da Asociación Francisco Lanza. Non acabará febreiro sen presentar o libro Andares. O remate do mes poñerao o Galiñeiro do Vendaval, no Cine Teatro, con Skontra e Bestas”.

Sanjurjo seguiu a relatar que “marzo chegará cunha programación especialmente intensa, marcada polo 8M, coa obra de teatro Manual de Patronaxe, que se fará no Auditorio Municipal. Visitaranos Carlos Blanco co seu espectáculo A penúltima. Teremos contacontos (El corazón sensible), teatro (Facendo o Indio), maxia (neste caso dúas citas co Mago Nacho), Eva Moreda presentará Conventículo, e a Coral Polifónica dará comezo á Semana Santa co seu tradicional concerto de música sacra. E o Galiñeiro do Vendaval acollerá unha Loita de Bandas. Para comezar a primavera unha exposición na oficina de turismo de Carlos Prieto pechará o trimestre”.

Para a concelleira de Cultura “é moi importante participar activamente nas distintas propostas. A cultura é encontro, pensamento crítico e lecer compartido. Queremos que os espazos culturais estean cheos e vivos, e que esta axenda sexa unha invitación a desfrutar do noso concello. A programación completa pode consultarse nos canais habituais do Concello e nos espazos municipais. Vémonos nos eventos culturais!!”. 

Ir o contido