O alcalde quixo recordar que “nesta idea vimos traballando dende hai xa tempo, tanto o Concello, como a Asociación de Comerciantes de Ribadeo para que o municipio conte coa súa festa singular, coma contan en moitos outros lugares”. Suárez Barcia destaca que “coa posta en marcha deste primeiro Ribadeo Indiano hónrase a figura de tantas e tantas persoas que tiveron que marchar de aquí para facer as américas. Uns tiveron fortuna e outros non, uns volveron e outros non puideron, pero en todo caso sempre nos quedará o encanto de todas aquelas persoas que fixeron fortuna e que parte da súa fortuna a facer escolas aquí e edificios en Ribadeo e en todas as súas parroquias”.
O rexedor convida a veciños e a visitantes de toda A Mariña e do Occidente asturiano “a caracterizarse e a participar hoxe venres e mañá sábado, na ampla oferta de ocio que se pon en marcha. Vai haber unha chea de actividades, sempre relacionadas coa cultura indiana, dende charlas, visitas teatralizadas ou unha verbena típica da época, ata un mercado que se levará a cabo na rúa San Roque, que se converte no epicentro da festividade pola súa relación histórica coa arquitectura indiana”.
Dende o Concello animan á xente a caracterizarse con vestimenta propia daquela época e destacan a importante actividade comercial que a festa está a deixar en Ribadeo. “Sei polo que fun escoitando en moitas das tendas, que venderon unha chea de sombreiros, tocados e vestidos de época que seguro que esta noite e mañá durante todo o día veremos por todas as rúas”, dixo o alcalde.
Tanto dende o propio Concello, como dende a Asociación de Comerciantes de Ribadeo, móstranse convencidos de que o Ribadeo Indiano continuará celebrándose en futuras edicións e confían en que en poucos anos, o evento pase a ser un éxito tanto de público como de participación.