O rexedor explicou que “tivemos coñecemento agora hai moi poucos días, dunha sentenza favorable aos intereses do Concello de Ribadeo contra a Xunta de Galicia, concretamente contra a Consellería de Traballo e Benestar, a conta daquela redución drástica que nos fixeran nos recursos que nos aportaban aos servizos de axuda no fogar, este servizo de libre concorrencia que en Ribadeo atende aproximadamente a uns 80 usuarios. Para facerse unha idea, o Concello inviste uns 165.000 euros ao ano. No ano 2010 a Xunta aportara tan só 43.000 euros e no 2011 baixou drasticamente esa cifra a 13.000 e hai que dicir que no 2012 e ata agora a Xunta xa non volveu poñer un peso no servizo de axuda no fogar. En todo caso, no ano 2011, o Concello de Ribadeo, sentíndose inxustamente tratado, levou isto á xustiza, que hai poucos días acaba de darnos a razón”.

Fernando Suárez dixo: “a sentenza argumenta que non respectaron as súas propias bases de convocatoria, onde se fixaba unha fórmula de reparto que modificaron unilateralmente sen posibilidade de que os Concellos puideramos opinar sobre este asunto. É un novo atentado sobre o que son os dereitos sociais porque con esta decisión reduciuse drasticamente a axuda no servizo de axuda no fogar na modalidade básica”. E engadiu que “a cantidade que nos teñen de devolver agora non a saben con certeza porque deben recalcular segundo a sentencia xudicial, pero en todo caso vai ser superior ao que nos deron máis aos xuros dende aquela data, por non ter aceptado dende o inicio que se trabucaron nas súas formulacións”.

O alcalde de Ribadeo cre que isto dá para unha reflexión: “os da Xunta nin todo o saben nin todo o poden, penso que deberían ser un pouco máis humildes nas súas actitudes porque non son infalibles. Andan dando leccións por aí adiante, sobre a  residencia de Ribadeo, de que queren pero que a Corporación e o alcalde de Ribadeo non queren, e ás primeiras de cambio véselles o plumeiro como nesta circunstancia”.

Ir o contido