Ribadeo e Porriño formalizaron hoxe o seu irmandamento a través da figura do filántropo Ramón González.

Ribadeo e Porriño formalizaron hoxe o seu irmandamento a través da figura do filántropo Ramón González.

O Concello do Porriño acolleu esta mañá un emotivo acto institucional no que se formalizou o irmandamento entre O Porriño e Ribadeo, unidos pola figura de Ramón González (1856–1925), filántropo galego cuxo legado marcou profundamente a vida social, cultural e patrimonial de ambas vilas. 

O acto comezou coa recepción das autoridades na Casa Consistorial do Porriño, que sorprenderon na súa chegada caracterizados de indianos, e coa interpretación do Himno Galego. A continuación, tiveron lugar as intervencións institucionais, nas que participaron Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Daniel Vega, alcalde de Ribadeo; Vanessa Ucha, concelleira de Turismo do Porriño; e Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura de Ribadeo. Tamén interviron descendentes de Ramón González, que emocionaron aos asistentes lembrando a traxectoria humana e solidaria do seu devanceiro. 

O  rexedor ribadense destacou a figura de Ramón González e da súa dona Corona González, aludiu á súa labor filantrópica en Ribadeo e no Porriño e referiuse a outros filántropos que deixaron a súa pegada na vila: “hoxe non habería tantas cousas en Ribadeo senón fose a través da filantropía que poñía en práctica Ramón González. Poñemos como exemplo a Praza de Abastos”. E engadiu que “este é un acto que significa un compromiso, un irmandamento  a través da filantropía e de Ramón González”. Vega tamén tivo palabras de agradecemento para os familiares de Ramón e Corona, que asistiron ao acto desta mañá no Porriño.   

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, fixo un repaso pola labor desenvolvida por dona Corona e don Ramón e subliñou que “o interese deste matrimonio por patrocinar calquera empresa cultural que tiveran preto e a súa implicación no progreso das súas respectivas vilas, fan deles unhas figuras entrañables e dignas de homenaxear”. A Ramón González está dedicado o X Ribadeo Indiano, que terá lugar do 11 ao 13 de xullo.  

Será tamén en Ribadeo onde en decembro se desenvolvan os actos conmemorativos do 100 aniversario do pasamento deste filántropo local. O Porriño e Ribadeo estreitan lazos con estas accións, algo do que estarían encantados tanto dona Corona como don Ramón. 

Ata O Porriño se desprazaron desde Ribadeo Ernesto Cruzado e Roberto Rodríguez, aos que lles agradeceu: “todo este traballo de documentación e de preparación para dedicarlle o Ribadeo Indiano deste 2025 a Ramón González”.  

Ir o contido