Ribadeo acollerá do 20 ao 25 de xullo un Campus Internacional de Baloncesto co apoio da Xunta

O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación da primeira edición desta iniciativa, que se enmarca nun proxecto impulsado polo exxogador profesional lucense Pablo Ferreiro e o campión da NBA Payton Pritchard
Ribadeo (Lugo), 22 de maio de 2025.- A Xunta apoia a primeira edición do Campus Internacional de Baloncesto ‘Sublime’ de Ribadeo, que se celebrará do 20 ao 25 de xullo nas instalacións do pavillón municipal. O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da actividade xunto ao alcalde ribadense, Daniel Vega, e representantes da organización.
O campus contará cun equipo internacional de primeiro nivel, que enfocará os adestramentos a ensinar as mellores técnicas do baloncesto europeo e americano. Está aberto a deportistas nacidos entre os anos 2007 e 2013.
A iniciativa enmárcase nun proxecto impulsado conxuntamente polo exxogador profesional lucense Pablo Ferreiro e o campión da NBA cos Boston Celtics Payton Pritchard. A actividade terá un director europeo e outro estadounidense, que serán Josep María Raventós e Casey Trujeque, respectivamente.
Durante os días de duración do campus haberá adestramentos, competicións, charlas e sesións divulgativas sobre aspectos importantes como a psicoloxía e a alimentación, ademais doutras actividades complementarias.
Javier Arias destacou a importancia de fomentar a participación da mocidade “neste tipo de iniciativas que fomentan o deporte, o traballo en equipo e o intercambio cultural entre os asistentes”.
Subliñou que esta acción vai en liña “co traballo que desenvolve a Xunta para promover o deporte de base e o ocio saudable entre a xente nova”. Referiuse a algúns dos programas máis destacados, como o plan de deporte escolar Xogade ou a campaña de campamentos e actividades de verán. Esta última ofrece en 2025 unha cifra récord: 11.650 prazas repartidas por instalacións de todas as provincias galegas para a mocidade entre 9 e 30 anos.