O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, lembrou que “nestes días pasados tivemos ocasión de celebrar o Día das Bibliotecas. Foi un pracer levar a Paco Nogueiras por alí para que os nenos e nenas, e papás e mamás, puideran gozar dun espectáculo musical marabilloso. Pero o Día das Bibliotecas hai que ir celebrándoo día a día ao longo do ano e nesta ocasión queremos destacar un pequeno detalle máis na mellora da prestación do servizo na Biblioteca El Viejo Pancho de Ribadeo”.
O edil nacionalista comentou que “xa ao longo do curso pasado varias persoas téñennos comentado que había algún problema coa accesibilidade á rede tanto na sala de lectura como na sala de ordenadores que hai no primeiro andar, e despois de escoitar á xente comentarnos estas cuestións decidimos poñernos mans á obra, e ao final temos unha solución ben sinxela que foi comprar outro servidor e desa maneira logramos que mellorara o servizo”.
Graña explicou que “agora con este novo servizo podemos acceder a el simplemente solicitando a alta como usuario na Biblioteca. Mediante o software de control este crearalle un usuario e pediralle un contrasinal personalizado que se poderá empregar como moito en dous dispositivos. Ao conectarse á rede ese dispositivo vai ser redirixido a un portal e desde alí haberá que ingresar os seus datos. Pero estas son cuestións técnicas, que seguro que a moitos de nós nos pasan un pouco desapercibidas, o fundamental é achegarse á Biblioteca e solicitar aos bibliotecarios darse de alta neste novo servizo”.
O concelleiro de Cultura subliñou que “nesta primeira fase déuselle cobertura á sala de lectura, de tal xeito que alguén pode achegarse á Biblioteca e necesitar consultar libros, pero ao mesmo tempo poder traballar co ordenador, nese senso vai ser moito máis accesible a rede con este novo servizo”.
O concelleiro de Cultura en Ribadeo advirte de que “os menores de idade entre 16 e 18 anos van ter que cumprimentar unha autorización asinada polos seus pais ou titores”.